publicidade hoxe

O xerente da EOXI de Pontevedra e o Salnés e María Ramallo supervisaron a evolución das obras de construción do centro de saúde de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+
Visita ás obras

Visita ás obras

O xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González Álvarez, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, supervisaron hoxe a boa evolución das obras de construción do novo centro de saúde desta localidade, que conta cun investimento de máis de 5,2 millóns de euros e disporá sunha superficie asistencial de preto de 3.800 metros cadrados.

No transcurso da xuntanza, os directivos sanitarios públicos, xunto coa rexedora marinense e os técnicos da constructora Dragados analizaron diversos aspectos da evolución das obras que, cun prazo previsto de execución de 14 meses, avanzan dacordo coas previsións que estiman o seu remate na primaveira do vindeiro ano 2016. 

Distribución dos futuros espazos

Segundo quedou patente no encontro técnico de hoxe, o novo centro de saúde de Marín contará cunha área de medicina xeral e enfermería, 12 consultas de medicina xeral, 11 de enfermería, un aula para docencia, unha sala polivalente, un despacho para o traballador social, unha consulta de telemedicina, unha sala de toma de mostras, outra sala de técnicas, unha consulta de odontoloxía, outra para hixiene dental, outra de farmacia, unha sala de raios X compartida co PAC, unha consulta da muller, unha para a matrona, unha sala de educación para a saúde, outra para fisioterapia con 4 cabinas de tratamento, ademais dunha consulta de fisioterapia.

Polo que atinxe a área de pediatría, o novo centro de saúde marinense albergará 4 consultas de pediatría, unha polivalente e 4 de enfermería pediátrica.No que se refire á área de urxencias (PAC), disporá de 3 consultas de medicina xeral, 2 de enfermería, unha sala de críticos e unha sala de observación, ademais dos dormitorios para o persoal de garda.

Outras dependencias do centro de saúde tamén serán unha sala de xuntas, unha  biblioteca, unha sala de estar, así coma almacéns e un arquivo. 

Xuntanza técnica posterior na Casa do Mar de Marín

Posteriormente á visita das obras de construción deste novo centro de saúde, o xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González Álvarez, convocou na Casa do Mar de Marín outra xuntanza técnica na que participaron profesionais de Atención Primaria desta localidade.

No devandito encontro, analizáronse as necesidades e planificacións de equipamento e dotación tecnolóxica das diversas áreas do futuro centro de saúde marinense, á vez que se concretaron detalles dos diversos espazos de cara a súa posta en marcha asistencial ao remate das obras o vindeiro ano 2016. 

Esta dinámica de planificación asistencial refrenda a aposta do Servizo Galego de Saúde pola potenciación da Atención Primaria no Concello de Marín. 

23 de setembro de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.