publicidade hoxe

O venres finaliza o prazo para apuntarse á ruta de sendeirismo de Ponte Remesquide a Ponte Ledesmal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónTouro
A-
A+

Os afeccionados ao sendeirismo da comarca de Santiago e do resto de Galicia teñen até o vindeiro venres, día 4 de setembro, para apuntarse á ruta organizada polo Concello de Touro o próximo 5 de setembro no programa Goza do Ulla. A ruta denominada De Ponte a Ponte ten unha lonxitude de 8,5 quilómetros e discorre ás beiras do río Ulla. Os interesados poden inscribirse chamando ao teléfono do Concello de Touro: 981.504029.

Esta senda lineal de valor naturalista percorre a beira dereita do río Ulla nun tramo da Rede Natura que abarca desde Ponte Remesquide, no Concello de Touro, até Ponte Ledesma, no Concello de Boqueixón. Durante o percorrido poderá gozarse do encanto do río Ulla ao seu paso polas áreas recreativas de Ponte Remesquide, O Souto e Ponte Ledesma.

Os afeccionados ao sendeirismo que fagan a ruta terán a posibilidade de visitar a feira do día 5 que cada mes se celebra nas rúas de Fonte Díaz, capital do Concello de Touro. Alí poderán probar o polbo que ofrecen as pulpeiras, ou comer nos locais de hostalaría do Concello de Touro. O Concello porá un bus a disposición dos afeccionados para os desprazamentos ao comezo e final da ruta e Fonte Díaz. A Casa do Concello será o punto de encontro antes de comezar a ruta. O inicio está previsto para as 09.30 horas.

1 de setembro de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.