publicidade hoxe

O presidente da Deputación da Coruña compromete o apoio económico para a rehabilitación da Casa dos Capeláns de Padrón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPadrón
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, comprometeu hoxe o apoio económico do ente provincial para o financiamento das obras de rehabiltación da Casa dos Capeláns de Padrón, que se concretará nunha achega de 132.069 euros, un 25% do importe total do proxecto, tal como recolle un protocolo de intencións existente entre ambas as dúas administracións.

Este compromiso produciuse no marco da reunión que esta mañá mantiveron no Pazo Provincial coruñés González Formoso e o alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira, que destacou a importancia que ten para o concello a recuperación deste inmoble singular.

O importe total do proxecto ascende a 528.276 euros e, segundo informou o rexedor padronés, será cofinanciado tamén polo Ministerio de Fomento ao situarse no conxunto da antiga colexiata de Santa María de Iria-Flavia, declarado Ben de Interese Cultural.

A edificación, que actualmente presenta un deterioro xeralizado, sitúase no atrio da colexiata, fronte ao cemiterio de Adina, e consta de pranta baixa e primeiro andar, con tres fachadas de acceso diferenciado.

A proposta de actuación para o inmoble pretende a conservación e posta en valor do construido e a recuperación dos elementos perdidos debido ao actual estado de abandono.

Na pranta baixa do edificio ubicarase un museo de Arte Sacro, que acollerá os fondos dos que dispón o arzebispado, así como unha zona de recibidor-control de visitantes, ascensor, aseos adaptados, despacho e zona de reunións.

O andar superior estará configurado por un único recinto de exposición, que ocupará toda a pranta do edificio, e que se dedicará á historia de Padrón, así como a acoller exposicións de carácter temporal, conferencias ou eventos.

O inmoble será completamente rehabilitado tamén no exterior, onde conservará as súas tres entradas orixinais, así como os elementos do acabado da fachada, co realce dos recercados dos ocos, esquinas e molduras de cornisa con sillería vista. A carpintería será de madeira, respectando a construción orixinal.

Executarase tamén a pavimentación peonil do acceso exterior do inmoble con adquín de granito, e procederase á prantación de diversas árbores autóctonas.

Nesta primeira reunión entre ambos mandatarios, o rexedor de Padrón interesouse tamén pola posibilidade de dotar de terreo de xogo de herba artificial ao campo de fútbol de Carcacía, un asunto sobre o que o Concello padronés encargou xa un proxecto que se desenvolvería en varias fases e que o novo Goberno provincial comprometeuse a estudar.

3 de setembro de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.