publicidade hoxe

O premio do certame de vídeos de Lecer Consumo do IGC recae de novo en estudantes de Muros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuros
A-
A+

A directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo (IGC), Sol Vázquez Abeal, entregou esta tarde o recoñecemento ao equipo gañador do concurso de vídeos do programa de actividades do IGC Lecer Consumo, que na súa terceira edición volveu recaer en estudantes de Muros, ao igual que o ano pasado.

Unha das actividades que se propoñían dentro de Lecer Consumo co que se busca cada ano aproximar á poboación os valores do consumo responsable a través do ocio estival, e no que este ano participaron máis de 1.000 persoas, chegando a 24 concellos galegos, era unha xincana de Lecer, Publicidade e TIC, ao remate da cal os participantes gravaban un vídeo por grupos.

Nestes vídeos, que foron publicados no facebook da Escola Galega de Consumo, os participantes debían promover actividades de lecer responsable que se puidesen levar a cabo no seu concello. O vídeo do equipo premiado, formado por 8 rapaces e rapazas de Muros de entre 8 e 16 anos, e que leva por título “Deportes acuáticos en Muros”, foi con preto de 300 votos o máis votado dos 55 vídeos que se presentaron.

O programa Lecer Consumo, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Consumo, celebrou unha nova edición este verán baixo o lema Nestas vacacións… Achégate a un lecer responsable! e centrouse nos xogos populares e a publicidade. As actividades desenvolvéronse dentro dos campamentos urbanos e outras iniciativas impulsadas por diversos concellos e entidades para os meses de xullo e agosto.

Esta iniciativa está dirixida ao conxunto da poboación galega, adaptando a súa oferta ás necesidades de cada colectivo participante tendo en conta criterios de idade. Ademais da xincana de Lecer, Publicidade e TIC, para rapaces de 8 a 16 anos, este verán tamén se propoñía para nenos e nenas de 3 a 7 anos un obradoiro en torno ás alternativas de ocio que non respondan só ao lecer como produto de consumo, coa proposta de Un lecer máxico, que incluía un conto e a creación dun xoguete

Os participantes maiores de 16 anos puideron coñecer criterios de seguridade nas diferentes formas de viaxar, a compra de viaxes pola internet, así como os dereitos que teñen os consumidores do tempo de lecer a través do obradoiro Oca: o xogo da xente viaxeira. Tamén se propoñía unha charla sobre alternativas para un ocio saudable a todas as idades, destinada ao público adulto.

30 de setembro de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.