publicidade hoxe

O pleno de San Sadurniño retirará o título de alcalde honorario da localidade a Franco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

San Sadurniño ten convocada para a mañá deste primeiro sábado de setembro unha nova sesión do pleno municipal que abordará 12 puntos. Parte deles son de trámite, pero hai varios que seguramente xeren debate entre o grupo de goberno e a oposición. Entre eles os da revisión do convenio urbanístico suscrito coa Cooperativa de San Sadurniño e os referidos á modificación da ordenanzas do IVTM e dos servizos culturais e deportivos. Ademais, na sesión tamén se someterá a consideración dos concelleiros e concelleiras a retirada dos títulos honoríficos concedidos no seu día a Francisco Franco e ao ministro do réxime José Antonio Girón de Velasco, no primeiro caso como alcalde de honra e no segundo como fillo adoptivo de San Sadurniño. O comezo do pleno está fixado para as 11.30h. e está aberto ao público que, ao tratarse dunha sesión ordinaria, terá posibilidade de intervir ao seu remate.

Os cinco primeiros asuntos son os que poden considerarse como de trámite e prevese que a corporación pase por eles sen demasiada discusión. Desa primeira metade do pleno cómpre reseñar a determinación de festividades locais: o Martes de Entroido, que cae o 9 de febreiro, e o luns 4 de xullo, Santa Sabela. Porén, tamén é de destacar a adhesión ao convenio para a xestión de pequenos electrodomésticos que se prevé implantar en breve no municipio e unha modificación de créditos -o traslado de partidas económicas dentro do orzamento- para encadrar as obras da nova depuradora biolóxica do Chao e a adquisición de colectores de lixo.

Os dous seguintes puntos da orde do día abordarán a modificación de dúas ordenanzas. O primeira suporá a aplicación dun coeficiente do 1.25% en todos os tramos do IVTM -a “rodaxe” dos coches- sobre os prezos mínimos que marca o Estado. San Sadurniño levaba 15 anos sen tocar unha ordenanza que agora verá actualizados os prezos, que serán semellantes aos doutros concellos da comarca e inferiores aos doutros, coma As Somozas, onde este coeficiente é dun 1.60%. Estímase que, co padrón actual, a recadación anual do Concello subirá arredor de 30.000 euros. Outra ordenanza que se verá modificada será a dos servizos culturais e deportivos que ofrece o Concello. Só lle afectará a dous apartados: o dos abonos familiares da piscina municipal, que pasan de algo máis de 37 euros a 50, para reducir o custe para as arcas municipais deste servizo deficitario e, por outro lado, ao do uso do campo de fútbol municipal, que introduce un prezo de 30 euros por hora para aqueles equipos de fóra do concello que queiran utilizar as instalacións de herba artificial.

O oitavo asunto do pleno será o acordo sobre o inicio do expediente de revisión do convenio urbanístico suscrito coa Cooperativa de San Sadurniño mediante o que esta entidade agora desaparecida lle cedeu ao Concello os terreos da Cortiña, onde se encontran o Centro de Día, a horta de froiteiras e o arboreto, a cambio de cambiar a consideración urbanística doutras leiras da entidade. O que se votará será anular o convenio e, polo tanto, abrir a vía para establecer compensacións -económicas ou non- aos propietarios e propietarias dos terreos.

Retirada de títulos honoríficos

Na recta final do pleno debaterase, en primeiro lugar, a retirada do título de alcalde honorario que se lle concedeu a Francisco Franco por acordo da corporación o 1 de xuño de 1939. Do mesmo xeito tamén se votará deixar sen efecto o acordo adoptado o 2 de setembro de 1950, sendo alcalde Emiliano Calvo, para outorgarlle ao ministro de traballo daquel entón, José Antonio Girón de Velasco, o título de fillo predilecto de San Sadurniño. A resolución que se someterá ao pleno finaliza reafirmando a condena do golpe de Estado do 36, a Guerra Civil e a ditadura franquista e ratificando o compromiso municipal coas liberdades, a xustiza e a sostenibilidade social e ambiental.

Mocións, rogos e preguntas

Pola vía ordinaria presentáronse nos últimos días dúas mocións que tamén se incorporaron á orde do día, a expensas de que durante a sesión poidan xurdir outras de carácter urxente que o pleno ten potestade para someter ou non a debate na propia sesión. Así, a primeira moción refírese ao apoio da iniciativa lexislativa popular para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, mentres que a segunda -presentada polo PSOE- pide a retirada da Lei Orgánica 4/2015 de Seguridade Cidadá, coñecida como “Lei Mordaza”, por considerar que “restrinxe indebidamente” os dereitos e liberdades da cidadanía, ademais de ser “un ataque frontal” ao Estado de Dereito.

4 de setembro de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.