publicidade hoxe

O obradoiro de emprego xuvenil da Laracha e Arteixo comezará a próxima semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+

O obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: pola capacitación xuvenil 2015-2016 que organizan ambos municipios coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia comezará a desenvolverse a próxima semana. O tribunal cualificador vén de facer públicos os resultados provisionais das probas realizadas tanto para a selección do equipo directivo e persoal docente como as correspondentes aos alumnos-traballadores. Os listados pódense consultar na sección de “avisos” do portal cidadán municipal (www.alaracha.es). Desde hoxe ábrese un prazo de tres días hábiles para que as persoas interesadas poidan interpoñer as reclamacións que estimen oportunas. A previsión é que o tribunal se reúna o luns da semana que vén e, unha vez os resultados sexan definitivos, fixar a data de inicio do obradoiro de emprego (probablemente, o martes día 15). 

Por medio deste programa dezanove alumnos traballadores de entre 18 e 25 anos de idade que se atopaban en situación de desemprego terán a posibilidade de formarse na súa correspondente especialidade dun xeito acorde ás necesidades que se presentan no mercado laboral e co obxectivo esencial de mellorar os seus coñecementos e experiencia para facilitarlles a inserción no sector privado.

Deses alumnos traballadores dez serán formados na especialidade de actividade en centros de xardinería e viveiros e outros nove, na de servizos administrativos. A parte teórica realizarase integramente no novo edificio administrativo da Laracha. As prácticas de xardinería desenvolverase no parque de Monticaño de Arteixo e as de servizos administrativos, no Concello da Laracha. 

Ademais, outras cinco persoas formarán a dirección, equipo docente e persoal de apoio auxiliar e administrativo, polo que en total serán vinte e catro as persoas que formarán parte deste obradoiro de emprego xuvenil. 

Cabe lembrar que os alumnos das dúas especialidades recibirán formación complementaria sobre alfabetización informática, riscos laborais, ensino básico e sensibilización en materias medioambiental e igualdade de xénero. Ademais, en caso de non dispoñer do título, terán a oportunidade de formarse para a obtención do graduado en ensino secundario obrigatorio (ESO).

Os Concellos da Laracha e de Arteixo veñen cooperando nos últimos anos no desenvolvemento conxunto de políticas activas de emprego en beneficio de veciños de ambos municipios. As excelentes experiencias dos dous primeiros obradoiros “A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego” permitiron a corenta e seis persoas participar en programas formativos para mellorar a súa empregabilidade, ao mesmo tempo que percibían unha remuneración económica por tratarse de alumnos-traballadores que realizaron actuacións e traballos de interese xeral.

9 de setembro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.