publicidade hoxe

O obradoiro de emprego xuvenil comeza con 19 alumnos traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+
Inauguración do obradoiro

Inauguración do obradoiro

Xa está en marcha o obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: pola capacitación xuvenil 2015-2016 que organizan ambos municipios coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Carlos Cavelo, o seu homólogo en Arteixo, presidiron hoxe o acto de inicio deste programa ao que tamén asistiron as edís responsables das áreas de promoción económica do dous municipios, Rocío López e Patricia Amado.

Dezanove alumnos traballadores, todos eles de entre 18 e 25 anos de idade, serán formados durante os próximos seis meses para que poidan mellorar as súas capacidades, experiencia e coñecementos co obxectivo de aumentar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

En concreto dez alumnos traballadores forman a especialidade de actividade en centros de xardinería e viveiros –que realizarán as prácticas no parque de Monticaño en Arteixo- e outros nove, na de servizos administrativos –a práctica será no Concello da Laracha-. En ambas especialidades a teoría será impartida no novo edificio administrativo da Laracha, instalación municipal na que tamén foron habilitados os despachos e dependencias para a directora, grupo docente e persoal de apoio do obradoiro, composto por cinco membros. Por tanto serán vinte a catro o total de persoas que formarán parte deste programa.

José Manuel López Varela fixo de anfitrión e deu a benvida a todos os participantes, desexándolles que “aproveitedes esta posibilidade que tendes ante vós e que sirva para aprender e lograr a inserción laboral, que é o que procuramos desde as administracións”. Este será o terceiro obradoiro de emprego que organizan A Laracha e Arteixo. O rexedor local lembrou que “os dous anteriores funcionaron perfectamente e os resultados foron bos tanto na formación dos alumnos como nos resultados de inserción laboral alcanzados”. 

Pola súa parte Carlos Calvelo mostrouse “contento por levar tres anos facendo obradoiros co Concello da Laracha” e pediu aos participantes “un esforzo nestes meses” nos que recibirán “unha formación axeitada ás necesidades laborais”. O rexedor arteixán concluíu desexando que este obradoiro de emprego xuvenil sexa o xerme “dun futuro mellor para todos”. 

Na xornada de mañá a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a Directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, estarán na Laracha para visitar aos alumnos e persoal do obradoiro deste emprego xuvenil.

21 de setembro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.