publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O MGSM reclama visibilizar o problema do suicidio con motivo do Día Mundial de Prevención do Suicidio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

O Movemento Galego da Saúde Mental, co gallo do Día Mundial de Prevención do Suicidio, reclama visibilizar este grave problema de saúde pública, desconsiderado na súa importancia, que sofre o estigma e a ignorancia prexuizosa sobre as súas causas, características e posibilidades de prevención. En Galicia o problema é especialmente grave, cunhas cifras crecentes, taxas moi elevadas, sendo uns tristes líderes deste tipo de mortes no conxunto do Estado e malia iso, cun descoñecemento do fenómeno, agravada pola actitude que elude as responsabilidades por parte da Administración pública. A pesar de estar diante dun asunto de tal magnitude, non se menciona na avaliación da Estratexia SERGAS 2014 nin nas memorias da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Non existe plan para o suicidio en Galicia, pero é que tampouco existe plan de saúde mental. Nun contexto de crise económica e cos graves recortes na cobertura social, especialmente co deterioro da rede de atención á saúde mental, agrávanse os factores de risco. Desde o MGSM consideramos que o goberno sanitario (Consellería de Sanidade e SERGAS) non está a cumprir coa súa finalidade e a súa obriga nesta cuestión. Son anos perdidos e agravados desde que se instalou o actual goberno, tanto en saúde mental como en prevención do suicidio (a única iniciativa crible de prevención, en Ourense, foi implantada durante o goberno bipartito). As propostas da plataforma enmárcanse nas recomendacións que realiza a Organización Mundial da Saúde, e comezando por asumir a gravidade da situación na que nos atopamos, a existencia de eficacia preventiva e a urxencia da resposta ao problema do suicidio en Galicia.

Para isto, cómpre elaborar o Plan Galego sobre o Suicidio, acorde coas orientacións da OMS e no seu marco, de carácter multisectorial, liderado pola Consellería de Sanidade e asumida a súa responsabilidade pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Este plan ten que ser concibido como un plan de saúde pública e artellado co Plan de Saúde Mental, cun carácter prioritario e dotado cos recursos acordes á gravidade do problema de saúde, e implicando tamén á comunidade. Tamén cómpre crear comisións clínico-asistenciais en cada Xerencia de Área, multiprofesionais e multisectoriais, coa misión de coñecer e estudar a realidade das tentativas e dos suicidios consumados, á vez que elaborar propostas de intervención e protocolos orientados polos datos, as evidencias de eficacia e os funcionamentos propios da cada Área.

OEntre tanto, chamamos a soster información institucional sobre esta cuestión de cara a sensibilizar e desestigmatizar o suicidio, mellorar o coñecemento sobre el en atención primaria e aproveitar a súa capacidade para explorar o risco, avalialo e realizar actuación preventiva. Cómpre desenvolver canto antes protocolos específicos de atención a persoas con conduta suicida e a afectados por suicidio consumado, garantir a prioridade no acceso a recursos asistenciais para as persoas en risco, incrementar o seu seguimento e intensificar a atención sanitaria e social no seu caso. É preciso, así mesmo, flexibilizar o acceso e o funcionamento dos recursos. É responsabilidade todos modificar isto, para que un dia saibamos porque nos suicidabamos máis en Galicia que noutros lugares. A persoa que se suicida non quere sufrir, non quere seguir vivindo na situación na que está. A morte é a única solución que atopa ao sufrimento e a desesperanza. Debemos lograr que a persoa fale con outros, para gañar tempo, para explorar outras solucións, para pedir axuda, para recibir apoio.

10 de setembro de 2015 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.