publicidade hoxe

O ISSGA e o Concello de San Sadurniño ofrecen un curso sobre seguridade no manexo de tractores e outra maquinaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral -dependente da Consellería de Traballo- colabora co Concello de San Sadurniño na organización du curso de prevención de riscos laborais centrado no manexo do tractor. O obradoiro desenvolverase do 27 de setembro ao 2 de outubro e ofrécense 15 prazas. As inscricións poden facerse ata o día 23 no enderezo electrónico desenvolvementorural.issga@xunta.es ou enviando un fax ao 986 787 224. Tamén se pode tramitar a inscrición a través da Oficina de Orientación Laboral de San Sadurniño.

Nos últimos catro anos morreron en Galicia 73 persoas mentres manexaban maquinaria agrícola, sobre todo tractores e os seus apeiros. Unha sinistralidade que podería reducirse en grande medida de cara ao futuro tomando precaucións que moitas veces se pasan por alto. De aí que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral estea desenvolvendo cursos en colaboración cos concellos para facilitar coñecementos, pero tamén para concienciar sobre o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais tamén nas explotacións. 

En San Sadurniño vai ter lugar un destes obradoiros do 27 de setembro ao 2 de outubro cunha duración total de 22 horas das que unha metade serán teóricas e a outra metade prácticas de campo. Así, na parte de teoría abordaranse contidos transversais sobre riscos laborais, pero tamén cuestións referidas a seguridade nos traballos agrícolas co tractor e outra maquinaria -colleitadoras, motocultores, remolques, etc.-. Ademais, neste apartado tamén se falará sobre a ITV, haberá un apartado específico sobre os apeiros e outra relativa ao manexo da maquinaria por estradas e camiños. Esta sección finalizará con nocións de primeiros auxilios e de intervención no caso de accidente.

A parte práctica no campo ocuparase da planificación do traballo, as operacións previas -manuais, marcacións, vestimenta, EPIs, revisión da maquinaria, etc.-, a seguridade na repostaxe, o estacionamento, a circulación, o enganche e desenganche de apeiros e, por último, a elaboración de fichas de avaliación dos riscos dentro das explotacións.

A teoría -10 horas- ofrecerase na Casa da Cultura os días 28 e 29 de setembro entre as 15 e as 20h. Mentres que a práctica ocupará os días seguintes, cun horario aínda por confirmar. Esta actividade vai dirixida a persoas maiores de idade que estean ocupadas ou desempregadas. Deberán estar empadroadas no concello ou nalgún municipio da zona. As inscricións haberá que facelas antes do día 23 de setembro no enderezo electrónico desenvolvementorural.issga@xunta.es ou enviando un fax ao 986 787 224. Tamén se pode tramitar a inscrición a través das oficinas de Desenvolvemento Local e de Orientación Laboral de San Sadurniño. O formulario de solicitude e outra información están dispoñibles nas seguintes ligazóns aloxadas en Google Drive. 

7 de setembro de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.