publicidade hoxe

O Grove dá a coñecer os premiados coa “Centola de Ouro” de 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

Logo de rematado o prazo de presentación de propostas por parte dos membros do Consello Local de Turismo, o Goberno Local,reunido o pasado luns, decidiu outorgar as Centolas de Ouro do ano 2015 ós seguintes persoeiros e institucións:

Javier Olleros. Recoñecendo a labor deste cociñeiro, merecedor dunha estrela Michelín, como embaixador dos produtos e da calidade turística do Grove.

Miguel Muñiz. Como creador da páxina Todogrove, referente da información local e testumuña fundamental da historia recente do Grove. Destacando ademais o seu fundamental papel na dinamización cultural da vila.

Transportes Cameselle. Pola labor pioneira no transporte de produtos do mar, dende a súa fundación no ano 1957, sendo eixo fundamental do sector pesqueiro e marisqueiro do Grove.

Empresa conserveiras do Grove. Premio outorgado as dúas conserveiras que traballan no Grove: Thenaise-Provoté e Isabel de Galicia, por manter a súa aposta polo pobo, facendo unha especial mención as súas traballadoras e traballadores, que permiten facer da conserva un produto galego vencellado ó Grove.

No día de onte foilles comunicada esta designación ós galardonados, que se amosaron agradecidos e emocionados polo nomeamento. A entrega da Centola de Ouro terá lugar o vindeiro 9 de outubro ás 21.00 nun acto que se celebrará na Carpa Institucional do Corgo.

As Centolas de Ouro

O distintivo “Centolas de Ouro” é un dos máximos recoñecementos institucionais que cada ano realiza o Concello do Grove. Trátase de premiar á aquelas persoas que, dalgún xeito, teñen destacado pola súa traxectoria profesional ou persoal e que, dalgún xeito, gardan relación directa coa localidade e a súa proxección.

Dende o ano 1972, ano no que naceron, este recoñecemento ten acadado cada vez maior valor. Contan con esta distinción varios colectivos e empresas como Amegrove, La Voz de Galicia, o Faro de Vigo, Insuiña, os traballadores do Gran Hotel da Toxa…. Tamén persoeiros como Belén Constela, Emma Lustres de Vacafilms, Modesto Lomba, Isaac Díaz Pardo, Mariano Rajoy, o pintor Ernesto Goday ou o escultor Alfonso Vilar. Tamén o recibiron destacados grovenses como Digna Prieto do restaurante Crisol, Manuel Sanmartín do Combatiente, a familia do Hotel Villajuanita, Marisol Prieto do Dorna, a familia Veiga del Restaurante Posada del Mar…entre outros moitos. 

23 de setembro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.