publicidade hoxe

O Grove acolle un Punto Científico para divulgar a ciencia a todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O vindeiro sábado, 19 de setembro, ás 12.00 horas a Praza do Hospital acollerá un evento de divulgación científica que se celebra por primeira vez na comarca. Trátase dun “Punto Científico” no que se combinan mini-relatorios e obradoiros a pé de rúa para todos os públicos. Este tipo de formato xa se ten celebrado noutras localidades como Ourense, Carnota, A Coruña ou Santiago de Compostela con notable éxito.

Todos aqueles que se animen a achegarse poderán aproveitar para aprender algunha curiosidade científica da man dos nove científicos que participarán no evento. Os temas que se tratarán son diversos: a luz, a neurociencia, a astronomía, a epixenética ou as vacinas, así como obradoiros sobre bioloxía molecular, observación astronómica e nanotecnoloxía. O obxectivo deste Punto Científico é achegar o coñecemento científico e tecnolóxico ao público en xeral dun xeito lúdico e entretido.

Científicos de primeiro nivel a pé de rúa 

No Punto Científico do sábado intervirán o doutor en Química e divulgador científico Manuel Vicente coa charla “Luznáticos”, con motivo do Ano Internacional da Luz 2015. No ámbito da neurociencia, Casto Rivadulla e Xurxo Mariño, profesores da Universidade da Coruña e divulgadores con grande experiencia na organización de cafés-científicos, impartirán cadansúa charla sobre o cerebro. Pola súa banda, o astrónomo Borja Tosar amosaranos unha “Postal planetaria”. Borja Merino, autor do blog Destejiendoelmundo.net, falará sobre as vacinas e Roberto Carlos Agís-Balboa, investigador do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, sobre a epixenética e as enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer.

Ademais haberá tres obradoiros: o obradoiro “Bioloxía molecular na cociña” organizado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC; e os obradoiros #nano ¡BOOM! e “Obradoiro de Observación Solar” impartidos por Emilio Castro Otero, membro da Rede Internacional “José Roberto Leite” de Divulgación e Formación en Nanotecnoloxía.

17 de setembro de 2015 | 10:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.