publicidade hoxe

O goberno de Curtis aproba o ROM que permitirá unha maior participación veciñal e transparencia na acción municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

O Regulamento Ordinario Municipal (ROM, que onte aprobou o Goberno local de Curtis de maneira definitiva, permitirá aos veciños participar directamente nos plenos da Corporación e recolle a potestade da alcaldía para abrir quendas de rogos e preguntas entre o público asistente ás sesións plenarias. Ademais, establece a figura dos Consellos Sectoriais de Participación, onde terán presenza os cidadáns e as asociacións de veciños que poderán presentar tanto informes como propostas.

Estas dúas medidas son algunhas das incluídas no ROM, que regulará o funcionamento xeral dos órganos de goberno co obxectivo de alcanzar unha administración máis eficiente e áxil, unha maior transparencia e unha participación máis directa dos veciños nas decisións de Goberno. O ROM tamén recolle o compromiso da alcaldía pola transparencia, o acceso á información e o bo goberno ao crear un Rexistro de Intereses e establecer a obrigación de facer públicas na web municipal e de maneira anual as declaracións da renda, bens patrimoniais, participación en sociedades e incompatibilidades de todos os membros da Corporación Local. O Concello adiántase á Lei de transparencia, que será de obrigado cumprimento para as administracións locais en decembro deste ano.

O Goberno local aprobou o ROM tras incorporar dúas propostas do BNG, aínda que o grupo político votou en contra. Concretamente, admitiuse a eliminación do número de rogos que se poden presentar aos Plenos así como a publicación na web do Concello das gravacións das sesións plenarias coa excepción daqueles asuntos que poidan afectar ao dereito dos cidadáns referidos no artigo 18.1 da Constitución. Outras alegacións foron rexeitadas ben por non axustarse á legalidade ou por non ser obxecto de regulación no marco do ROM.

Modificación do IBI

O Pleno municipal tamén deu luz verde, coa abstención do BNG, a unha modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI para facilitar a aplicación das bonificacións ás explotacións gandeiras e agrarias do municipio. O Concello aprobou o ano pasado a bonificación máxima do IBI, do 95%, aos inmobles destinados a actividades agrarias, gandeiras ou forestais co fin de beneficiar ao máximo ao sector primario do termo municipal. Con todo, a rebaixa é de difícil aplicación no caso daquelas explotacións que contan, ademais, con outro tipo de construcións como vivendas, ás que lle corresponde outro tipo impositivo. Para evitar desigualdades, o Goberno local proporá modificar a ordenanza e aplicar unha bonificación do 50% do IBI para as explotacións gandeiras e agrarias que desenvolven tamén outros usos, e do 95% se se dedican unicamente ao sector primario.

O equipo de Goberno tamén acordou unha bonificación do 90% do IBI para as familias numerosas aplicable aos inmobles de carácter residencial destinados a vivenda habitual.

Leite galego 100%

Por unanimidade aprobouse a moción proposta pola Alcaldía a instancias da concellaría de Medio Rural para impulsar o consumo do leite Galego 100% e pór en valor un produto de excelente calidade do que viven decenas de familias do municipio. A iniciativa destaca a necesidade de axuntar esforzos de administracións e colectivos para identificar a orixe do leite e que esta calidade diferenciada producida nas explotacións gandeiras locais chegue aos consumidores.

Municipio refuxio

O equipo de Goberno deu conta ademais, das accións desenvolvidas polo Concello que se uniu á rede de municipios refuxio co fin de axudar na atención a estes cidadáns.

28 de setembro de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.