publicidade hoxe

O goberno da Laracha valora os primeiros 100 días como unha continuidade da boa xestión da pasada lexislatura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Ao cumprirse cen días desde a constitución da nova Corporación Municipal, o grupo de goberno do Concello da Laracha –formado por doce dos dezasete concelleiros- fai unha valoración moi positiva do traballo desenvolvido neste período, considerándoo como unha continuidade da boa xestión das anteriores lexislaturas que permitiu o progreso do municipio a todos os niveis, especialmente nos eidos social, educativo, cultural e deportivo.

Durante este período de tempo, o grupo de goberno tivo como prioridades a creación de emprego, a prestación de servizos á poboación, a mellora das infraestruturas municipais e, ao coincidir case por completo co verán, o apoio ás comisións de festas parroquiais, as actividades culturais e deportivas para os veciños e a volta ao curso escolar, incluíndo melloras nos centros educativos e a convocatoria das bolsas de estudos municipais.

Por sectores de actuación, a xestión dos primeiros cen días por parte do equipo de goberno do Concello pode resumirse en:

Promoción económica

Precisamente hoxe comeza o obradoiro de emprego xuvenil que A Laracha organiza e desenvolve en cooperación con Arteixo e coa colaboración económica da Xunta de Galicia. Participan vinte e cinco persoas, das cales dezanove son alumnos traballadores que serán formados nas especialidades de servizos administrativos e xardinería. 

No que atinxe ao parque empresarial mantivéronse reunións de traballo coa Dirección xeral de SEPES, propietaria e promotora da infraestrutura, co obxectivo de tomar medidas que impulsasen a venda de parcelas e o desenvolvemento da actividade no centro. En canto a acordos puramente municipais, aprobáronse en Pleno rebaixas no ICIO do 95% para dúas empresas que se van instalar no polígono industrial.

Por outra banda celebrouse una Mesa Local de Comercio na que se informou da realización dun novo proxecto de mellora do recinto feiral de Paiosaco –agora en fase de execución- e da aprobación da nova ordenanza que regulará o servizo de taxis. Neste último caso, o Concello da Laracha investiu 6.000 euros na concesión de subvencións nominativas aos doce titulares de licencias municipais para colaborar nos gastos derivados da instalación dos taxímetros nos seus vehículos de traballo.

Servizos sociais 

Iniciouse o curso na escola infantil da Laracha xa incorporando o novo edificio recentemente construído e que permitiu aumentar o número de prazas en 41 para un total de 115. Ademais, tamén se puxo a disposición do centro o novo patio acondicionado polo Concello na parcela municipal situada na parte posterior do edificio da escola infantil.

Educación

O Concello da Laracha acometeu durante o verán actuacións nos centros educativos para que estivesen en perfectas condicións de cara ao inicio do novo curso escolar. Ademais de mellorar os parques infantís de todos os colexios, en Paiosaco foi creada unha nova aula e na escola unitaria A Revoltiña de Soandres renováronse o solo da aula principal e o peche perimetral do centro.

Ademais avanzouse na tramitación administrativa do Plan Especial de Equipamentos Educativos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís, que foi aprobado provisionalmente. Este plan ten por finalidade aumentar a superficie de terreo vinculada a ambos centros, sendo especialmente relevante no colexio da Laracha ante a construción do novo edificio e do pavillón polideportivo que se atopan actualmente en fase de execución.

Tamén foron convocadas as bolsas de estudos municipais. O Concello da Laracha destinará 55.000 euros a colaborar cos estudantes e as súas familias ante o inicio do curso. O prazo para solicitar a participación nesta convocatoria de axudas permanecerá aberto ata o 6 de outubro.

Cultura e deportes 

1.200 laracheses participaron nas actividades culturais, deportivas e educativas incluídas no programa municipal de verán. Ofertáronse moi diversas propostas dirixidas a todos os públicos, pero especialmente aos nenos para ofrecerlles alternativas de aproveitamento do tempo libre durante as vacacións e facilitar a conciliación dos seus familiares.

A principios de xullo concedéronse as subvencións municipais a clubs, entidades e asociacións culturais, deportivas e educativas, así como aos máis destacados deportistas individuais. O Concello destinou a esta convocatoria de axudas 114.500 euros. 

Así mesmo foi asinado o convenio de colaboración coa Confraría de Pescadores de Caión por medio do cal o Concello da Laracha prestará apoio económico nos gastos derivados do mantemento e apertura durante todo o ano do museo do Arquivo da Pesca.

Tamén desde o Concello da Laracha se prestou apoio económico e organizativo a todas as Comisións de Festas e entidades que desenvolveron eventos ao longo do verán, con especial atención ás citas máis multitudinarias como foron as dúas festas de interese turístico que existen no municipio (Romaría dos Milagres de Caión e Feira das Cereixas de Paiosaco) e as romarías de Santa Margarida e Santa Marta de Soandres, entre outras. 

Infraestruturas 

O esforzo investidor sempre foi unha das principais características da xestión do goberno local da Laracha. Nestes primeiros cen días da lexislatura iniciáronse proxectos que afectan especialmente ás parroquias.

Na mellora da rede viaria, entre obras de ampliacións da calzada, novas pavimentacións e campaña de desbroce, o Concello da Laracha adxudicou actuacións por un importe total duns 715.000 euros. Algúns deses proxectos están xa rematados e outros, en fase de execución ou a piques de iniciarse os traballos.

En Lemaio e Soutullo están en marcha as obras de creación das novas prazas públicas nos Igrexarios de ambas parroquias, investíndose en total 225.000 euros.

Ademais adxudicouse un proxecto valorado en 50.000 euros e dirixido á mellora da iluminación pública coa renovación de medio centenar de cadros eléctricos.

Medio ambiente

No verán leváronse a cabo dous campos de traballo internacionais no que participaron mozos procedentes de diversos países de Europa, América e Asia. A finalidade da iniciativa foi recuperar a riqueza etnográfico-patrimonial dos leitos dos ríos Bradoso e Acheiro. 

No río Anllóns foron as cuadrillas medioambientais municipais as que realizaron a limpeza da canle, coa retirada de troncos e de árbores secas para facilitar o discorrer da auga. Tamén se acometer labores de limpeza e acondicionamento na extensa área verde pública situada xunto ao parque empresarial da Laracha. 

Irmandamento 

Durante a pasada fin de semana un grupo de vinte e cinco persoas procedentes de Olonne sur Mer estiveron no noso municipio nun novo encontro que reflectiu as boas relacións existentes entre veciños de ambos concellos tralo irmandamento asinado oficialmente no verán de 2010. 

O goberno local da Laracha organizou o programa, convocando previamente ao Comité de Irmandamento –no que están representados todos os grupos políticos da Corporación e as principais asociacións culturais e clubs deportivos- para consensuar as actividades e visitas a realizar.

21 de setembro de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.