publicidade hoxe

O goberno da Laracha dará conta á corporación das medidas adoptadas para acoller refuxiados sirios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha anunciara nos primeiros días do presente mes de setembro a súa disposición para acoller refuxiados sirios ante o conflito armado nese país que provocou a crise humanitaria que está a obrigar a miles de familias a emigrar a Europa na procura da súa seguridade.

No Pleno ordinario que se celebrará este venres o grupo de goberno local dará conta á Corporación das medidas adoptadas durante as últimas semanas neste sentido, coordinadas en todo momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través do plan deseñado e posto en marcha por este organismo en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Por tanto, comunicarase no Pleno que o Concello da Laracha puxo a disposición da Fegamp instalacións municipais nas que se podería acoller temporalmente ata un máximo de sesenta e catro refuxiados, tales como os centro socioculturais de Santa Margarida de Montemaior (antigo hospital dos peregrinos), O Regado de Cabovilaño, O Igrexario de Montemaior, Campo Medado de Soandres e A Xesta de Soutullo e, coa autorización do Arcebispado de Santiago de Compostela, as casas reitorais de O Igrexario de Montemaior, O Igrexario de Cabovilaño e O Cruceiro de Coiro.

Así mesmo, o Concello da Laracha tamén ofrecerá aos refuxiados todos os servizos e instalacións a nivel social, asistencial, educativo, cultural e deportivo para que poidan acceder a elas como calquera outro veciño do municipio.

Salientar tamén a creación dun rexistro de familias acolledoras do que poden formar parte os veciños do termo municipal que o desexen e teñan os medios suficientes para facelo. O Concello da Laracha xa iniciou a recollida dos datos correspondentes para dispoñer deles en caso de que a Xunta de Galicia e a Fegamp así o requirisen.

Comisión Informativa

Ademais, na Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno foron sometidos a ditame outros asuntos que tamén serán elevados á sesión do venres. 

Por unha banda tratáronse dúas alegacións presentadas por particulares ao novo inventario de camiños, documento que foi aprobado con carácter definitivo a finais de 2014.

Por outro lado, e en conformidade coas últimas modificacións da lei de racionalización e sostenibilidade da administración local, informouse na Comisión Informativa –e posteriormente farase o mesmo no Pleno- da solicitude que presentará o Concello da Laracha á Deputación Provincial da Coruña para que o ente provincial asuma as funcións de tesourería e recadación ou ben que, no caso de que acredite que non é posible, nomee a un funcionario para que coordine a labor do empregado municipal encargado de ditas funcións.

22 de setembro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.