publicidade hoxe

O GDR Ulla Tambre Mandeo aposta pola dinamización do sistema produtivo e a economía local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla Tambre Mandeo, que traballa no territorio dos concellos de Arzúa, Melide, Boimorto, Santiso, Touro, Toques, O Pino, Sobrado dos Monxes, Curtis e Vilasantar, reafirmou a súa aposta pola dinamización do sistema produtivo e a economía local, o fortalecemento do tecido produtivo e a posta en marcha de novos servizos que incrementen a calidade de vida da poboación local. Na reunión celebrada onte no Pazo de Andeade (Concello de Touro), pecháronse as últimas partidas presupostarias pendentes. A esta reunión acudiron, ademáis do seu presidente, Ovidio Leiva; o presidente dos empresarios de Arzúa, Alfonso Gómez Corzo; e de Melide, Manuel Vázquez; o presidente da cooperativas Melisanto, Pablo Costoya; e os alcaldes de Touro, Ignacio Codesido; do Pino, Manuel Taboada; de Curtis, Xavier Caínzos; de Melide, Ánxeles Vázquez; de Vilasantar, Fernando Pérez, e representantes do resto dos concellos.

O GDR Ulla Tambre Mandeo é a entidade responsable da xestión do Programa Leader 2007-2013, dotado con 3,5 millóns de euros, nas comarcas de Arzúa e Melide e nos concellos de Curtis e Vilasantar. Agora encara a súa etapa final do programa europeo.

Os proxectos que se poñerán en marcha neste último ano do Programa Leader 2007-20013, e xa concretados, figuran a construcción dun tanatorio en Santiso, a posta en marcha dunha empresa de fabricación de vivendas por módulos en Arzúa e a habilitación dunha nova app de comunicación cidadán promovida polo concello de Curtis. No Concello de Touro impulsarase a ampliación dun parque de maquinaria vinculado a unha empresa forestal e a apertura do Centro de Interpretación do Ulla, ubicado en Fonte Díaz (Touro). O Concello de Touro recibiu na pasada primavera a confirmación da subvención solicitada para dotar de contido dun pequeno edificio feito polos participantes nun Obradoiro de Emprego. Esta nova infraestructura servirá para difundir a riqueza patrimonial e natural do río Ulla así como para concienciar da necesidade de cuidar e respetar o noso entorno. Ademáis o Concello pon en marcha con esta iniciativa unha modernísima aula TIC de entrada libre para a veciñanza, dotada con 15 ordenadores, unha pizarra dixital, proxector e a instalación para acceso wifi. O orzamento total do investimento é de aproximadamente 34.000 euros máis IVE.

Na reunión da xunta directiva do GDR celebrada en Touro informouse dos proxectos que se poñerán en marcha. Ademáis, destinarase un remanente do orzamento a dous novos proxectos non produtivos: a ampliación da gardería municipal de Boimorto e a sinalización da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo no Concello de Curtis. Coa aprobación destes dous proxectos, o GDR logra o compromiso e a execución do 100% do presuposto anual para 2015.

O orzamento para proxectos produtivos do 2015 está esgotado ante o gran número de iniciativas presentadas. Este ano financiáronse dende o GDR un total de 14 proxectos. Hai 10, algún de gran calado, en lista de espera por falta de fondos. A xunta directiva do GDR confía en recibir fondos ata finais de ano procedentes doutros GDR que non esgotaron os seus orzamentos e así poder sacar adiante algún proxecto en carteira.

Dos 30.000 euros destinados adicionalmente este ano pola Xunta de Galicia para gastos de funcionamento do GDR, nesta recta final empregaranse un total de 13.000 euros para esta finalidade, mentres que o 60% restante trasladase á estratexia do Grupo para seguir financiando proxectos. O GDR pretende así “poder axudar ao máximo número de promotores posibles”.

O futuro GDR

A finais deste ano finaliza o plan 2007-2013 dos actuais GDR, xa que cóntanse dous anos máis para a execución dos proxectos aprobados. Agora estase á espera do plan 2014-2020, para o que se agarda una reestructuración dos GDR.

O presidente do GDR Ulla Tambre Mandeo, Ovidio Leiva, informou na reunión de onte en Touro da configuración dun novo mapa para o periodo Leader 2014-2020. Indicou que ante a menor dotación presupuestaria procedente da UE poderían reducirse o número de GDR en Galicia e eso podería afectar ao da Ulla Tambre Mandeo, ainda que apuntou que neste caso é difícil incrementar o número de concellos nun territorio no que trasladarse de punta a punta empréganse arredor de 50 minutos. “Non sería fácil incrementar a cantidade de concellos sen que repercuta no servizo do GDR sobre a poboación rural”, engadiu Leiva.

Os asistentes coincidiron en destacar o traballo “exemplar” feito por este GDR nos últimos anos, cumprindo os obxectivos cuantitativos marcados na súa posta en marcha. Dende a oficina técnica do GDR Ulla Tambre Mandeo traballouse “en darlle visibilidade aos recursos locais, na posta en marcha de empresas rurais, e na innovación e na creación de emprego”. Segundo apuntou a xunta directiva, “sería un desastre ter que afrontar dende cero o proceso de creación dun novo GDR”. Por eso solicitará que no novo deseño de distribución de concellos para o periodo 2014-2002 “se poida atender aos indicadores que poñen de manifesto a boa marcha do Leader Ulla Tambre Mandeo”. A xunta directiva cree que isto “permitirá unha maior axilidade e a continuidade das liñas de traballo que tanto esforzo foi empregado para poñelas en marcha”.

11 de setembro de 2015 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.