publicidade hoxe

O fútbol será a estrela do fin de semana en Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O deporte máis popular do planeta, o fútbol, é o protagonista deste fin de semana en Pazos de Borbén. O concelleiro de Deportes, Francisco Amoedo, presentou esta mañá os torneos deportivos cos que o Concello pretende estimular a práctica deportiva entre os máis novos do municipio. Trátase de tres campionatos de distintas modalidades futbolísticas que se celebrarán durante dúas xornadas en diversos puntos do municipio.

O concelleiro destacou a importancia destes torneos nos que se fomenta a práctica deportiva como garantía de futuro polo que supón “a formación en valores, principalmente entre os máis novos”, ao que agregou, “durante este fin de semana teremos por centos de nenos e adultos polas diferentes instalacións deportivas municipais. É un fito deportivo que conseguimos grazas á colaboración do Concello, a Deputación de Pontevedra e dos moitos equipos que participan, moitas grazas a todos polo seu apoio”, finalizou.

Torneo de Fútbol sala

O fútbol sala será o encargado de abrir a actividade deportiva do fin de semana. Este torneo conta con dúas categorías, cadete e senior, que enfrontarán durante toda a xornada a un total de 10 equipos de toda a provincia como o CD Tui FS, o FS Redondela ou o Arealonga FS. Os primeiros partidos disputaranse a partir das once da mañá mentres as finais celebraranse a partir das 20:00 horas. Todos os partidos xogaranse no Pavillón Municipal de Pazos de Borbén e a entrada é totalmente gratuíta.

Torneo Interparroquial de Fútbol 4

Este campionato pretende enfrontar por primeira vez a equipos do oito parroquias que compoñen o concello de Pazos de Borbén. A idade mínima para participar é de 14 anos e só poderá participar un xogador foráneo por equipo. O campionato contará con árbitros federados e celebrarase no novo campo de fútbol 4 da parroquia de Borbénel domingo desde as 17:00 até as 21:30 horas.

Torneo Pazos de Borbén de Fútbol

Para finalizar, o domingo, no campo Chan do Areeiro, celebrarase o I Torneo Pazos de Borbén de Fútbol que enfrontará ao Club Deportivo Cesantes contra o representante local, a Unión Deportiva Nespereira. O partido comezará ás 16:15 horas e a entrada é totalmente gratuíta.

9 de setembro de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.