publicidade hoxe

O equipo de goberno de Ponte Caldelas retoma en Anceu a ronda de contactos cos veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Membros do equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas, encabezados polo seu alcalde Andrés Díaz Sobral, retomaron en Anceu a serie de xuntanzas veciñais que os levaran a tomar contato cos 33 núcleos de poboación do municipio co fin de recabar as propostas e suxestións sobre as necesidades que presenta cada un destes lugares de cara a elaborar o orzamento municipal do año 2016. Maña, venres, ás 20 horas reuniranse cos veciños de Caritel, no Teleclub, e ás 21 horas cos de Forzáns, no Centro Sociocultural desta parroquia.

Andrés Díaz fixo unha pequena introdución sobre o estado de contas do Concello que calificou de “delicado” cunha débeda que cifrou en 1.145.000 euros aproximadamente “o que condiciona moito a capacidade de investimento que temos. Ademais a medida que van pasando os días vemos como temos que facer fronte a “sorpresas” que no admiten demora e que temos que afrontar para correxir auténticas chapuzas que se fixeron mal como no muro de Taboadelo ou na posta en marcha da EDAR de Buchabade que vai supor ao erario público un gasto económico imprevisto desorbitado”, indicou. 

“GOBERNAR SIN PRIVILEXIOS E PARA TODOS IGUAL” 

Díaz animou aos veciños a realizar peticións urxentes e realmente necesarias co fin de poder atender, na medida do posible, aquelas cuestións que o equipo de goberno priorice ante as moitas demandas que teñen os 33 lugares do municipio. Tamén aclarou que “Anceu non vai ter un trato preferente de investimentos e actuacións do Concello por ser a miña parroquia. Nós imos gobernar sin privilexios e para todos igual. Polo mero feito de ser Anceu a miña parroquia non vai ter un trato diferente ou preferencial. Quero que o saibades porque non me parece un modo de proceder xusto. Tamén vos digo que non terá menos que ninguén. A cada un o que en xustiza lle toque en función do que podamos ir facendo, coas limitacións orzamentarias que temos, que son moitas”, aclarou o alcalde. 

Sobre a situación económica do Concello dixo que “non é unha cuestión da que nos esteamos a lamentar seguido o que ocurre é que é unha realidade da que non podemos agachar a cabeza baixo a terra e mirar para outro lado.Quero que todos os veciños e veciñas teñan clara a situación, que non é doada, pero que a nós nos toca xestionar e o faremos da mellor maneira posible e, sobre todo, coa maior transparencia e eficiencia posible para dar resposta a cuestións herdadas pero que temos a obriga de sacar adiante e, con axuda de tódolos veciños, ímolo facer”, manifestó Andrés Díaz.

Andrés Díaz insistiu en que este era un novo modelo de facer política baseado no contacto directo entre o alcalde, e o grupo de goberno, cos veciños para animalos a ser copartícipes das decisións que se levarán a cabo para, na medida do posible, coxestionar os recursos municipais baseados na necesidade de concienciar aos cidadáns de que “teñen capacidade de incidir en qué se van gastar os cartos dos seus impostos e tamén na obriga dos representantes público de ir, xuntarse co pobo e dar as explicacións oportunas de cómo se están facendo as cousas”, sinalou Andrés Díaz 

Despois desta introdución o alcalde cedeulle a palabra aos veciños e foi recollendo nun papel as suxestións, propostas e necesidades que foron plantexando os asistentes ás xuntanzas convocadas polo equipo de goberno. 

Andrés Díaz e os membros do equipo de goberno comprometéronse a estudialas e incorporar, dentro das posibilidades económicas e nas prioridades de actuación do Concello as demandas plantexadas. Ao respecto de incluir novos puntos de luz, o alcalde manifestou que teñen como unha prioridade reducir o recibo anual de gasto enerxético, próximo ao medio millón de euros, “que lastra a economía municipal polo que queremos facer unha auditoría enerxética e sacar a concurso o mantemento eléctrico para reducir ese gasto que consideramos desproporcionado polo que os novos puntos de luz témolos que estudiar moi polo miudo e tamén sobre os existentes teremos que analizar si todos están correctamente colocados e si deben estar acesos tódalas noites do ano”, indicou.

Finalmente o alcalde e o equipo de goberno comprometéronse a volver a convocar outra xuntanza para explicar as accións realizadas e dar explicacións de todos aqueles temas que lle ocupan e lle preocupan aos veciños e veciñas de Ponte Caldelas.

24 de setembro de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.