O DOG publica o convenio de adhesión do Concello de Vedra á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o convenio de adhesión do Concello de Vedra á Axencia Galega de Protección da Legalidade (APLU), despois de que o director da APLU, José Antonio Cerdeira, e o alcalde deste municipio, Carlos Martínez Carrillo, asinaran o documento, polo que este municipio delega neste organismo as súas competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística respecto das obras e usos do solo que se realicen en solo rústico, en solo urbanizable mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.
Así mesmo, os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas, serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á Administración autonómica e o 50 por cento restante ás administracións municipais.
Deste xeito, o Concello de Vedra sumarase aos 64 concellos que a día de hoxe forman parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
Este proceso lévase a cabo conforme á lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Lei 9/2002, de 30 de decembro), onde se establece que a APLU é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.