publicidade hoxe

O conselleiro de Educación acompaña ao alumnado do IES San Rosendo no inicio de curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+
Román Rodríguez no inicio do curso en Mondoñedo

Román Rodríguez no inicio do curso en Mondoñedo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou hoxe aos rapaces e rapazas do IES San Rosendo de Mondoñedo neste primeiro día de clases para máis de 200.000 alumnos e alumnas –segundo datos provisionais– de educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Tal e como destacou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, este comezo de curso nestas etapas está transcorrendo con total normalidade, sen ningunha incidencia significativa dende o punto de vista de xestión da propia Consellería. Neste sentido cómpre sinalar que o único centro que non comezará con total normalidade hoxe por mor das obras que nel se realizan será o CIFP As Mercedes, que realizará as presentacións ao longo desta semana e que regularizará as clases a partires do día 21 de setembro.

No caso do CIPF Carlos Oroza (Pontevedra), hoxe celebraranse as presentacións e as clases compatibilizaranse coas obras de ampliación. Por outra banda, tal e como estaba previsto, hoxe arrincan as clases no novo IES de Carral.

Programas educativos novidosos
Durante o seu percorrido polo centro –no que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira, e polo director xeral de Centros, José Manuel Pinal–, o conselleiro salientou a inmersión deste centro nos programas educativos novidosos postos en marcha polo Executivo galego nestes últimos anos.

Deste xeito, valorou o súa incorporación ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que permite transformar as bibliotecas escolares en puntos de encontro para a lectura, a información e a aprendizaxe, así como en espazos para integrar o mundo escrito e o dixital a través das TIC. Tamén lembrou que o IES San Rosendo é un centro plurilingüe, comprometido, por tanto, coa inmersión lingüística. O conselleiro recordou que, trala incorporación de 36 máis este curso, xa son 257 os centros adheridos á rede do plurilingüismo e preto de 90.000 alumnos beneficiados.

A maiores, o conselleiro tamén puxo en valor a aposta deste instituto por unha ensinanza dixital a través do programa Abalar. Neste sentido, animou ao equipo directivo a implantar, ao abeiro deste plan, o proxecto de educación dixital E-Dixgal, mediante o cal o alumnado pode acceder aos materiais curriculares de balde. Actualmente, 104 centros galegos dispoñen de libro dixital.

Implantación da Lomce
Por outro lado, Román Rodríguez explicou que este curso comeza con novidades nas etapas de ESO e bacharelato, pois implántase a Lomce en 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria e 1º de bacharelato. A maiores, o novo marco normativo tamén se estende ao segundo ano de FP Básica. Precisamente, no IES San Rosendo ofértase esta modalidade, concretamente FP Básica de Agroxardinería e composición florais.

15 de setembro de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.