publicidade hoxe

O Concello de Ribadumia participará na Limpeza Simultánea de Ríos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia, a través da Concellería de Medio Ambiente, colabora na VIII Edición da Limpeza Simultánea de Ríos dentro do programa Proxecto Ríos que desenvolve a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). 

A actividade, que será coordinada polo Colectivo Ecoloxista do Salnés coa colaboración do Concello de Ribadumia, terá lugar este domingo 27 de setembro nas augas do Umia a partir das 11:00 horas na Ponte dos Padriños (Ponte Arnelas).  

Alí, un grupo de voluntarios traballará na retirada de lixo durante unha xornada de concienciación co medio ambiente. A Limpeza Simultánea de Ríos, que se desenvolverá en máis de 40 concellos de Galicia, nace co obxectivo de concienciar á sociedade da necesidade de que os nosos ríos estean ben conservados e de evitar  que o lixo chegue aos cursos fluviais.

Por todo iso, e na súa labor de concienciación co medio ambiente, o Concello de Ribadumia a través da Concellería de Medio Ambiente está a colaborar activamente coa organizadora.

O PUNTO LIMPO ABRIRÁ O DOMINGO

A Concellería de Medio Ambiente, tendo en conta a actividade que se celebrará en Ponte Arnelas esta fin de semana, ampliará esta semana o horario  do Punto Limpo de Leiro e abrirá o domingo, a pesar de que o centro abre habitualmente os sábados.

Esta decisión responde á necesidade de que os voluntarios poidan depositar os residuos tóxicos retirados durante a xornada no depósito onde corresponde. 

24 de setembro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.