publicidade hoxe

O Concello de Fene e a Consellería de Educación colaboran na mellora dos centros públicos de primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

Os concelleiros socialistas de Educación e Cultura, Amalia Balado, e Benestar Social e Igualdade, JoaquínAyala Garrido, acadaron un importante acordo de colaboración entre o Concello de Fene e a Consellería de Educación que permitirá afrontar as principais necesidades dos colexios públicos do municipio. Nunha reunión co xefe territorial da Consellería de Educación na Coruña, Indalecio Cabana, e o xefe do servizo de Inspección Educativa, Fermín Álvarez, quedou definida a colaboración entre ámbalas institucións para acometer unha serie de obras pendentes.

Deste xeito, a Xefatura Territorial farase cargo do arranxo dunha parte da cuberta do CEIP de Centieiras, xa que o deterioro das tellas está a provocar filtracións de auga ao interior do edificio. O Concello de Fene, pola súa banda, retirará a vexetación existente no tellado por falta de mantemento durante os últimos anos. Así mesmo, o goberno municipal iniciará as xestións precisas diante da Consellería de Educación para que realice o estudo técnico previo ás obras de instalación dunha cuberta na pista polideportiva, unha actuación que se acometería nun prazo non superior aos tres anos.

A colaboración entre o Concello de Fene e a Consellería de Educación fará posible tamén a mellora do CEIP Os Casais, na parroquia de Maniños, no que a Xefatura Territorial procederá á substitución de varias fiestras e o Concello renovará a canalización da auga potable do centro.

A Xefatura Territorial de Educación comprometeuse, así mesmo, a realizar unha inspección técnica do estado das fiestras e dos piares exteriores do CPI A Xunqueira, na parroquia de San Valentín. Pola súa banda, o Concello de Fene encargará un informe técnico sobre o CEIP O Ramo, na parroquia de Barallobre, co compromiso de que o departamento autonómico acometerá posteriormente as actuacións que establezan os organismos de control.

Na reunión a dúas bandas tamén se abordaron as necesidades dos centros en materia de recursos humanos. Neste sentido, Amalia Balado e JoaquínAyala demandaron que se cubra a praza de orientador/a do CEIP de Centieiras. Os concelleiros socialistas lembraron que a praza foi amortizada recentemente, o que provoca “que un único orientador atenda a todos os centros públicos de infantil e primaria do concello, resentíndose a calidade do traballo, xa que ten que atender os CEIP O Ramo, Os Casais, Centieiras e Sillobre”.

29 de setembro de 2015 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.