publicidade hoxe

O Concello de Brión ultima a Festa dos Maiores que prevé preto de 500 asistentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión ultima xa os preparativos para a súa Festa dos Maiores de Brión 2015, que se desenvolverá este domingo 6 de setembro. Está previsto que acudan a esta cita preto de 500 persoas.

Tras a recollida de participantes polas distintas parroquias, procederase, a partires das 12.00 horas, á súa recepción coa actuación dunha banda de gaiteiros e un pequeno ágape a base de rosquillas e refrescos. Ás 13.00 horas dará comezo a celebración da santa misa que oficiarán os señores curas das parroquias de Brión e que se desenvolverá no patio do instituto brionés.

Ás 13.45 horas está previsto un pasacalles con actuación de gaiteiros ao que seguirá a benvida do alcalde de Brión, José Luis García, a todos os asistentes. Xa ás 14.00 horas comezará o xantar de confraternidade no pavillón polideportivo, que estará amenizado pola música dunha agrupación de gaiteiros. Cada un dos participantes levará cadanseu agasallo conmemorativo desta festa.

Tras o xantar, haberá unha verbena, que, de novo, correrá a cargo dos gaiteiros e que comezará arredor das 17.30 horas. Ás sete e media da tarde finalizará a celebración co traslado de volta polas aldeas de todos os asistentes. 

Dende o Concello de Brión animan a todos os maiores a participar nesta cita anual na que non faltan as charlas, os encontros e bo humor.

3 de setembro de 2015 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.