publicidade hoxe

O Colexio de Psicoloxía acolle a exposición da fotógrafa e psicóloga Elena Daprá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A partir de mañá venres, 18 de setembro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia acolle a exposición da fotógrafa e psicóloga Elena Ivonne Daprá Castro, co título “Historias de lobas (Mulleres que corren con lobos)”.

Trátase dunha serie de fotografías baseadas no libro Mujeres que corren con lobos e pretenden amosar a forza salvaxe da muller, o mimetismo co medio, a resiliencia, a muller independente, valente, sensual, sexual, nai e unida coa natureza, segundo explica a propia autora. Daprá Castro, que é psicoterapeuta e psicóloga experta en coaching, creou esta serie de fotografías para traballar con mulleres que sufriran violencia de xénero, acompañando, axudando e empoderando.

A exposición pódese visitar gratuitamente na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (Rúa Espiñeira, 10) en Santiago de Compostela, e estará aberta ata a fin do mes de novembro. 

Servizo de apoio a persoas refuxiadas

Con motivo da previsible chegada de persoas refuxiadas a Galicia, especialmente chegadas de Siria e de Oriente Medio, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia está a organizar un servizo de apoio psicolóxico dirixido a este colectivo de cara a ofrecerllo ás diferentes Administracións, tanto locais como autonómicas.

Desde a institución estase a crear unha lista de profesionais voluntarios, procedentes dos diferentes ámbitos da psicoloxía, que poidan asesorar para a integración nas comunidades de acollida e superar traumas que poidan sobrelevar, tanto de antes do abandono do seu país de orixe como na viaxe a Europa. Unha vez se coñeza como se vai canalizar a recepción de persoas refuxiadas na nosa Comunidade e as necesidades detectadas, porase en funcionamento este servizo grazas á colaboración dos colexiados e colexiadas.

17 de setembro de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.