publicidade hoxe

O alcalde da Lama supervisa os arranxos para a celebración das Festas do Pelete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+
O alcalde da Lama supervisando os traballos

O alcalde da Lama supervisando os traballos

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, en compañía do tenente de alcalde José Fortes García inspeccionaron os traballos que están a levar a cabo os operarios municipais para facilitar o acceso ás zonas habilitadas como aparcadoiro público nas inmediacións onde terá lugar a tradicional e multitudinaria Festa do Pelete.

Jorge Canda e José Fortes tamén se achegaron até a área recreativa xunto ao carballo centenario de O Pelete onde puideron comprobar as desfeitas ocasionadas na empalizada que circunda o parque  infantil que apareceu esnaquizada nun lateral, así como a porta de acceso. 

Ao parecer, as desfeitas poderían ter a súa orixe en xinetas que deixan provisionalmente os seus cabalos atados ao valo e, por efecto do movemento do animal, prodúcense os danos que agora o Concello procederá a reparar de forma inmediata. 

O alcalde criticou a maneira de proceder destas persoas que non se dan conta de que coa súa acción non só están a producir un dano senón que repercute moi negativamente en toda a cidadanía xa que cando o Concello ten que reparar ou repor algún elemento do mobiliario público sofre o erario municipal, xa que se paga con diñeiro de todos”, sinalou Jorge Canda.

PROGRAMA FESTIVO DE O PELETE (7, 8 E 9 DE SETEMBRO) 

Por outra banda, sinalar que a tradicional Festa do Viño do Pelete terá lugar os días 7, 8 e 9 de setembro e a súa celebración será en honra á Virxe dos Remedios. 

O luns 7, ás 11:15 horas, terá lugar a Misa de Confrades, para quince minutos despois iniciarse a novena. A Bendición das Pipas e apertura das mesmas celebrarase ás 11:45 horas. A animación musical correrá a cargo de Os Encerellados de Campo Lameiro que serán os encargados de pór a nota musical e de bo humor durante toda a xornada. A verbena estará protagonizada polas orquestras Gran Parada e Palladium e á unha da madrugada terá lugar a actuación da cantante Lucía Pérez. 

A xornada de martes iniciarase con dianas e alboradas a cargo dos gaiteiros “Alegres da Buraca”.  Ás 13:30 horas terá lugar a misa solemne e ás 14:15 o concerto da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade. Pola tarde, a partir das 17 horas, estará dedicada aos máis pequenos da casa con actividades organizadas por “Anias”. A verbena correrá a cargo da orquestra A Oca e á unha da madrugada terá lugar a actuación estelar da cantante galega Pili Pampín.

O mércores 9 de setembro fará o pasarrúas a Banda de Música de Guláns (Ponteareas). Ás 13:30 horas terá lugar a Misa Maior en honra á Virxe dos Remedios. Ao finalizar o oficio relixioso homenaxearase ao Confrade de Honra do Pelete. Pola tarde, a partir das 18 horas, actuará o Mariachi de Leonardo Flores e a partir das 19 horas a Banda de Música de Guláns ofrecerá un concerto.

Pola noite porá o broche ás festas unha espectacular verbena protagonizada polo Combo Dominicano e Filadelfia. Ás 24 horas terá lugar a tirada de lumes de lucería.

2 de setembro de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.