publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nomeados os representantes das asociacións de Malpica no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Reunión das asociacións

Reunión das asociacións

O movemento asociativo do municipio de Malpica de Bergantiños elixiu aos seus representantes no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo (Toledo). Son Walter Pardo, da Asociación Cultural Malante; Begoña Gómez, da Asociación Cultural Raigañas, e Eloi Mancebo, da Asociación Oleira de Buño. A elección realizouse por unanimidade, e do mesmo xeito foron nomeados como suplentes Manuel Chouciño e JesúsVillar, das asociacións de veciños Monte d’Arxa de Cerqueda e Santiago Apóstol de Mens, respectivamente.

Na reunión, celebrada o mércores pola noite, participaron dez das oitenta entidades que están inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións: Asociación Cultural Malante de Malpica, Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, Asociación de Amas de Casa de Malpica, Asociación de Veciños Monte d’Arxa de Cerqueda, Asociación Cultural e Deportiva San Xulián de Seaia, ANPA de Buño, Asociación Oleira de Buño, Sociedad Cultural Deportiva Buño, Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Mens e Asociación Profesional de Redeiras Mar da Illa.

A concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, presidiu o encontro, que se caracterizou pola cordialidade, e o técnico do departamento, Antón Noceda, explicou aos asistentes distintos aspectos do proceso do irmandamento. As entidades presentes no acto amosaron gran interese polos intercambios que poidan realizarse no futuro entre as dúas Malpica e empezaron a barallar xa as primeiras iniciativas que poderían promover ou nas que poderían colaborar.

Segundo o acordo plenario adoptado o pasado 26 de marzo, o Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo estará integrado, ademais, por catro membros da corporación municipal (un por cada grupo político) e un traballador da área de Cultura, Educación e Turismo.

10 de setembro de 2015 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.