publicidade hoxe

Medio cento de artistas galegos e portugueses participarán no certame GóisOrosoArte 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e a presidenta da Cámara Municipal de Góis, María de Lurdes Oliveira Castanheira, inaugurarán mañá venres 11 de setembro, ás 20:00 horas, a décima edición do certame internacional GóisOrosoArte. Un acto que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro e no que tamén participarán o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente da Assembleia Municipal de Góis, José António Pereira de Carvalho; e o artista local Constantino Cuesta, que falará en nome dos autores participantes.

GóisOrosoArte 2015 reúne un total de 54 pezas de pintura e escultura, das que trinta son de artistas galegos e outras 24 corresponden a artistas portugueses e doutras nacionalidades. A mostra poderá visitarse libremente no centro cultural Fernando Casas e Novoa (Sigüeiro) ata o vindeiro 2 de outubro. 

Artistas e autoridades serán recibidos ás 19:30 horas polo alcalde Manuel Mirás na Casa do Concello, onde asinarán no Libro de Honra antes de trasladarse ao centro cultural Fernando Casas e Novoa. Aló terá lugar o acto de inauguración de GóisOrosoArte 2015, que inclúe unha actuación musical especial a cargo da Filarmónica Varzeense-Filvar, unha formación de Vilanova de Ceira (Góis) con 113 anos de experiencia ás súas costas.

10 de setembro de 2015 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.