publicidade hoxe

Lalín, O Barco e Monforte potenciarán o Camiño de Inverno

O alcalde de Lalín reunirase o próximo 9 de outubro cos alcaldes de Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras para analizar as posibles liñas de colaboración que se poden establecer entre os tres municipios para avanzar na potenciación e na promoción do Camiño de Inverno. Desta toma de contacto prevese que saia unha estratexia común que terá como finalidade  poñer en valor unha rota de gran riqueza patrimonial e ambiental e que está chamada a ser un importante polo de atracción turística e un dos posibles eixes dinamizadores da economía nos tres concellos.

Os tres rexedores, que coincidiron hoxe no encontro do Eixo Atlántico en Ourense, pecharon esta próxima xuntanza coa intención de concretar as diferentes fórmulas de cooperación que se poden articular de cara a impulsar o Camiño de Inverno. Rafael Cuíña, Xosé Tomé Roca e Alfredo Rodríguez reuniranse en Lalín coincidindo precisamente cun novo encontro do Eixo Atlántico que terá como escenario a capital do Deza.

O rexedor lalinense xa mantivo nas últimas semanas varias xuntanzas con hosteleiros do municipio interesados en promocionar este Camiño, cuestión na que xa se leva traballando -en contacto co Concello de Lalín- dende hai varios meses. Entre as necesidades que se antollan prioritarias está, ademais dunha campaña de divulgación desta rota, a de crear unha imaxe de marca propia para o Camiño de Inverno, que debe incluír unha sinalización uniforme e común da vía ao seu paso polos tres concellos. As outras necesidades céntranse en definir os métodos de cooperación entre concellos e entre diferentes administracións para garantir a súa conservación e o seu mantemento.

De maneira previa á reunión dos tres rexedores, técnicos municipais parrticiparán nun seminario que se desenvolverá na localidade portuguesa de Braga e na que informará sobre as posibilidades de cooperación intermunicipal, e incluso transfronteiriza, para a promoción conxunta das rotas xacobeas.

15 de setembro de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.