publicidade hoxe

Isabel Risco e Marián Bañobre converterán o Auditorio do Carballiño nun furancho de glamour

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O 26º Festival de Teatro Galego (FETEGA) continúa este xoves co seu terceiro día de programación no Carballiño. Pola noite, a partir das 22:30 horas, as coñecidas actrices Isabel Risco e Marián Bañobre, integrantes da compañía Ibuprofeno Teatro, converterán o Auditorio do Carballiño nun furancho con moito glamour. Esta será a primeira vez que Ibuprofeno Teatro, compañía que naceu hai xa cinco anos, estará no FETEGA. Será co seu espectáculo cheo de humor ‘O Furancho’, unha  montaxe, como as súas propias protagonistas din, que ten “un pé na leira e outro no ciberespacio”.

Cun prezo de 8 euros a entrada, a billeteira do Auditorio do Carballiño para poder retirar os tickets abrirá ás 20:30 horas, podendo ademais, aquelas persoas interesadas, facer reservas por adiantado enviando un mail a a.c.fetega@gmail.com indicando o nome e DNI da persoa interesada e número de entradas.

Obradoiros de máscaras na Praza do Concello e Teatro dos Ghazafelhos no Anfiteatro da Veracruz

Ao longo do xoves, en FETEGA 2015 tamén haberá máis programación. Así, xa pola mañá e tamén pola tarde, continúan os obradoiros que xa comezaron o martes na Praza do Concello. De 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 19:00 horas, os nenos que se acheguen por alí poderán aprender a facer máscaras nesta ocasión. Os obradoiros, que están impartidos por Títeres Viravolta, son totalmente gratuitos e non é necesario inscripción previa. 

E á tardiña, a partir das 19:30 horas, no Anfiteatro da Veracruz, o xoves é a quenda de Teatro dos Ghazafelhos. A compañía ferrolá representará ‘As mil e unha noites’, un espectáculo cheo de humor que adapta o clásico cunha visión moi particular para o público infantil e familiar.

 

9 de setembro de 2015 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.