publicidade hoxe

Inícianse as obras de mellora da estrada que comunica o Cruceiro de Lendo coa DP-1913

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Inicio das obras

Inicio das obras

O Concello da Laracha iniciou as obras contempladas no proxecto dirixido á mellora dos accesos ao núcleo de O Cruceiro de Lendo desde a estrada provincial DP-1913 (A Laracha-Baldaio), actuación que permitirá reforzar a seguridade viaria e facilitar as comunicacións rodadas e a pé na que é unha das principais vías da citada parroquia.

O goberno local da Laracha deseñou esta obra que inclúe a renovación do pavimento nos máis de catrocentos metros lineais da estrada e tamén a ampliación da plataforma da calzada en dous metros máis, pasando da media de 4,5 metros actuais ata os 6,5 cos que contará tralo desenvolvemento da actuación.

Ademais, e para unha maior seguridade dos peóns, será construída unha beirarrúa dunha anchura media de dous metros na marxe dereita da estrada en dirección ao parque empresarial, é dicir, no borde da vía no que se sitúan as vivendas.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, desprazáronse esta mañá ao lugar de O Cruceiro, onde se reuniron co director de obra e responsables da empresa construtora para coñecer persoalmente o resultado dos primeiros traballos realizados. 

Este proxecto supón un investimento de 95.982,39 euros. Financiarase integramente con fondos propios municipais. 

Na zona residencial da parroquia de Lendo á que dá acceso directamente esta vía sitúanse os núcleos de O Cruceiro e de O Igrexario, no que residen 120 veciños segundo datos do padrón municipal de habitantes.

23 de setembro de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.