publicidade hoxe

Fálame de San Sadurniño viaxa á conquista de Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+
Un dos cursos itinerantes

Un dos cursos itinerantes

Carmen Suárez, Cruz Piñón e Consuelo Picos teñen xa as maletas preparadas para coller o avión con rumbo á cidade suíza de Xenebra onde este xoves participarán no acto de clausura do ACTing, o programa europeo orientado á posta a proba de técnicas para un envellecemento activo a través das novas tecnoloxías. Suárez é a responsable da Aula Cemit de San Sadurniño e a principal impulsora da plataforma colaborativa falamedesansadurnino.org, mentres que Piñón e Picos foron as dúas mulleres maiores de 60 anos que máis se implicaron no proxecto desde os seus inicios, en maio de 2013. As tres farán mañá unha pequena presentación sobre Fálame… e despois asistirán ao evento en que se entregará o premio á mellor iniciativa das 36 que se puxeron en marcha no seo do ACTing en España, Italia, Romanía e Suíza.

Carmen, Cruz e Consuelo levan unha axenda moi apretada. Hoxe marchan para Suíza e mañá ben cedo iniciarán unha xornada na que se lle dará un repaso ás conclusións do ACTing e na que, ademais, elas mesmas deberán defender diante do auditorio o proxecto de San Sadurniño. Farano en inglés e por iso levan traballando varios días nunha presentación coa que reivindicarán o traballo feito ata o momento en Fálame de San Sadurniño, un proxecto colaborativo “que pertence ás máis de 230 persoas que teñen colaborado nel polo de agora, con máis de 700 historias e con máis de 400.000 páxinas ou fotografías vistas”, tal e como apunta Carmen Suárez. 

A responsable da Aula Cemit de San Sadurniño e promotora do sitio non esconde a súa satisfacción polo éxito alcanzado e polo feito de que Fálame… fose elixida como respresentante española nos premios ACTing onde competirá con propostas doutros tres países. “Chegar ata aquí é un éxito para todas as persoas que colaboran en falamedesansadurnino.org. Temos que sentir orgullo de que unha iniciativa humilde como a nosa, dun lugar pequeno como San Sadurniño… e en galego… represente a España neste concurso. Iso xa é un premio en si, non esperamos máis nada. Queremos mostrar con fachenda o que facemos, coñecer outra xente que tamén traballa pola inclusión das persoas maiores e aprender doutras iniciativas destes países”. 

O ACTing-Axentes Sociais Promotores da Idade activa a través das TIC iniciouse hai dous anos con finanzamento da Comisión Europea dentro do Lifelong Learning Programme e baixo a dirección en España da Fundetec. A misión principal do proxecto é ensaiar e poñer en común ferramentas e ideas que combinen o envellecemento activo e a superación da fenda dixital que lle afecta especialmente ás persoas maiores. 

Dous elementos -maiores e TIC- que en Fálame de San Sadurniño foron da man desde os seus inicios, aló polo mes de maio de 2013, como xeito de celebrar tanto as Letras Galegas como o Día Internacional de Internet e as Telecomunicacións. A pesar de que a web está aberta ás achegas de persoas de todas as idades, quizais sexan as maiores as que lle proporcionen un maior valor engadido. Unha polo mérito que ten dar o paso para adentrarse nun mundo descoñecido para case todas elas e outra polo feito de que, co paso dos anos, foron atesourando recordos, saberes e mesmo materiais gráficos cos que reconstruír e manter viva a memoria colectiva do territorio. 

Por esta razón os cursos da Aula CeMIT non se limitan unicamente a unha alfabetización básica en informática e internet, senón que se esforzan por tocalo todo: o escaneado de imaxes, a gravación e edición de sonido, o vídeo e outras posibilidades simplificadas hoxe pola tecnoloxía que se poñen ao servizo do proxecto común www.falamedesansadurnino.org en clave de hucha das vivencias do pasado, pero tamén do presente.

Durante a fase de preselección de finalistas -8 de 36 proxectos europeos- xurado español do ACTing cualificou a iniciativa como “un proxecto sinxelo, único e orixinal construído entorno a catro eixes centrais: que as fotos falen, que o pasado e o presente se fusionen, o protagonismo dos usuarios e usuarias e a mestura de formatos, debullando o concepto de continuidade histórica das comunidades rurals no transcurso do tempo”.

Un concepto sinxelo que, porén, encerra moito traballo técnico, inxentes cantidades de altruísmo e mancheas de vontade para continuar avanzando nun proxecto que medra cada vez máis e que, de seguro, mañá volverá de Suíza cun premio na maleta.

23 de setembro de 2015 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.