publicidade hoxe

Fálame de San Sadurniño regresa de Suíza co premio do ACTing debaixo do brazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O proxecto colaborativo Fálame de San Sadurniño acaba de recibir na cidade suíza de Xenebra o premio convocado dentro do proxecto europeo ACTing, orientado a ensaiar e por en práctica novas técnicas para inclusión dixital das persoas maiores. Carmen Suárez, responsable da Aula CeMIT de San Sadurniño e principal impulsora de Fálame…- declaraba onte que a preselección para xa fora recoñecemento máis que dabondo. Porén, este mediodía confirmouse o que aquí ninguén dubidaba: o premio vén para Galicia e, quizais o máis importante, o traballo desenvolvido en San Sadurniño convértese deste xeito nun referente internacional sobre como conseguir que a xente de máis idade entre formar parte dun mundo dominado polas TIC.

O ACTing-Axentes Sociais Promotores da Idade activa a través das TIC iniciouse hai dous anos con financiamento comunitario e coa participación de proxectos de catro países: España, Romanía, Italia e Suíza. O obxectivo do ACTing foi o de analizar e por a proba novos métodos de traballo no campo da inclusión tecnolóxica das persoas maiores, nun contexto en que -segundo o Eurostat- só o 42% da poboación europea maior de 55 anos usa regularmente a Internet. Neste sentido, o traballo do ACTing centrouse en ver experiencias sobre como ensinar a usar a tecnoloxía pero, sobre todo, en coñecer fórmulas para que a xente maior experimente e integre as novas ferramentas na súa vida diaria.

No programa integráronse 36 iniciativas que, na fase final do proxecto, terían a oportunidade de participar nun concurso con dúas fases: unha de preselección de dúas candidaturas por país -por España seleccionouse tamén a Universidade Sénior da USC- e outra final que deixou só catro candidaturas, un por estado participante. E aí estaba Fálame de San Sadurniño en representación de España. 

O xurado reuniuse esta mañá en Xenebra para repasar as candidaturas -Fálame…, Blusa Blog (Italia), Grandparents online (Romanía) e Computers are easier in spanish (Suíza)- e pouco despois do mediodía deuse a coñecer o seu fallo, dando como vencedora do concurso a Fálame de San Sadurniño. Os puntos que se valoraron foron o do grao de innovación, a creatividade, as tecnoloxías empregadas, a utilidade social, o impacto, a metodoloxía e a visibilidade da iniciativa. 

O premio recollérono a responsable da Aula CeMIT de San Sadurniño, Carmen Suárez, e dúas das participantes máis veteranas de falamedesansadurnino.org, Cruz Piñón e Consuelo Picos. Neste proxecto colaborativo hai moita máis xente. De feito, antes de partir con rumbo a Suíza, Carmen Suárez pasaba o dato de que nel hai implicadas máis de 230 persoas que contaron desde 2013 máis de 700 historias con textos, fotografías, “faladas” e vídeos. Un proxecto “humilde”, en palabras de Suárez, que pertence “ás persoas que colaboran nel”.

24 de setembro de 2015 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.