publicidade hoxe

Ethel Vázquez supervisa as obras de mellora do abastecemento no Concello da Lama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destaca que “as obras de mellora do abastecemento no Concello da Lama amosan que con compromiso e colaboración institucional os proxectos saen adiante”. Así o manifestou hoxe na visita na que supervisou o avance destas actuacións, onde tamén estiveron presentes o alcalde da Lama, Jorge Canda; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Ethel Vázquez explicou que o obxectivo desta intervención é garantir o abastecemento de auga, en cantidade e calidade, á poboación das parroquias da Lama e de Antas; así como cubrir as necesidades derivadas do asentamento de industrias no polígono de Racelo. Concretou que esta infraestrutura hidráulica é de grande importancia para este municipio, xa que ofrecerá un mellor servizo a case 1.500 veciños.

Este proxecto, que o Goberno galego financia cunha achega de preto de 2 millóns de euros, consiste nunha nova captación de auga mediante dous pozos e unha estación de tratamento de auga potable ao pé do río Verdugo. Na actualidade está executado en máis dun 50 %, co depósito e as conducións rematadas e estase explanando a parcela na que se vai asentar a estación de tratamento de auga potable (ETAP).

Esta obra conta con máis de 4,5 km de canalizacións, polo que desde a ETAP bombearase auga ata un novo depósito de cabeceira localizado no Monte Peón; e desde este novo depósito sairán ramais cara os tanques existentes actualmente na parroquia da Lama, na de Antas e no parque empresarial de Racelo.

Colaboración institucional

A titular de Infraestruturas subliñou que esta intervención “é un claro exemplo do compromiso que ten o Goberno galego coa mellora dos servizos que se prestan aos cidadáns e pon de manifesto o interese da Xunta en colaborar cos concellos na posta en marcha de todos aqueles proxectos que aseguren un mellor abastecemento e saneamento dos núcleos de poboación galegos”.

Vázquez reiterou que “os galegos demandan: administracións responsables; que asumen os seus compromisos; e que traballan coordinadamente e con lealdade institucional en beneficio dos cidadáns”.

Saneamento Gafos

Pola contra, a conselleira destacou que “cando non hai vontade polas dúas partes danse casos como o de Pontevedra no saneamento do río Gafos”. Concretou que “se trata dunha actuación de competencia municipal absolutamente necesaria na que a Xunta de Galicia leva querendo colaborar dende o ano 2010, pero os reiterados incumprimentos do Concello de Pontevedra fixeron imposible levala a cabo ata o de agora”.

Ethel Vázquez indicou que “dende a Xunta pediuse a documentación recollida no convenio asinado polas dúas partes, o mesmo que se pide en toda Galicia”. Engadiu que “aquel convenio do ano 2010 é financiado con fondos europeos, nos obrigan a concluír as obras antes de finais de 2015, algo absolutamente inviable xa no caso do Gafos, polo que é esa responsabilidade da Xunta de Galicia a que nos leva a non perder os fondos europeos porque a alternativa que plantexa o Concello sería perder ese 1,12 M€”.

Vázquez lembrou que “o Concello presentou un proxecto válido en 2014, con 4 anos de atraso e aínda é hoxe o día que non presentou a documentación necesaria para poder contratar a obra”. Neste sentido, precisou que “cando unha Administración axuda a financiar obras da nosa competencia, o normal é esforzarse en cumprir coa nosa parte e  cunha pequena preocupación do Concello pola tramitación  do expediente destas obras era suficiente para que saíran adiante”.

4 de setembro de 2015 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.