publicidade hoxe

Espazos Sonoros regresa co patrimonio organístico de Monforte de Lemos e cunha estrea musical do coro Vox Stellae

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, o festival Espazos Sonoros 2015 regresa mañá sábado 19 de setembro cun percorrido pola paisaxe organística de Monforte de Lemos, que rematará coa estrea a cargo do Coro Vox Stellae e dos Menestreis de 1500 dunha misa e dun motete compostos no século XVI en honra do cardeal Rodrigo de Castro, un dos máis importantes mecenas do Renacemento hispánico, pertencente á familia dos Lemos.

Na capela do Colexio do Cardeal ou de Nosa Señora da Antiga –na que está soterrado o cardeal– soará por vez primeira en centos de anos, aos pés do sepulcro do seu dedicatario, unha pequena xoia do patrimonio musical galego e ibérico que foi recuperado polo coro Vox Stellae e os Menestreis de 1500. Trátase dun manuscrito de 1594 dedicado ao cardeal arcebispo de Sevilla, Rodrigo de Castro, que contén unha misa e un motete a seis voces e un canon tamén a seis voces. O seu autor é Cristóbal de Medrano, que foi probablemente músico da capela privada do propio Rodrigo de Castro.

O manuscrito é unha cumprida homenaxe ao cardeal, pois o texto acode reiteradamente á expresión Rodericus Cardinalis, a xeito de recordatorio sonoro da dedicatoria da música. O manuscrito pertenceu á biblioteca de Rodrigo de Castro e, de alí, xunto co resto da súa biblioteca, pasou ao colexio de xesuítas da vila de Monforte. Despois pasou a formar parte da biblioteca do Colexio Imperial de Madrid, logo incluída na biblioteca da Universidade Central, onde se conservou ata hoxe.

Percorrido organístico por Monforte de Lemos

O concerto na capela do Colexio do Cardeal poralle fin a unha xornada musical que comezará ás 11:00 horas e que levará as persoas que se inscribiron na actividade a coñecer o que foi o patrimonio organístico e musical deste concello lucense, a través dos órganos de Santa María da Régoa e San Vicente do Pino. Xa pola tarde, o ciclo organizará un percorrido pola vila, da man de Richard Rivera, guía especializado en música e coautor do Itinerario histórico-musical de Monforte de Lemos, editado por Ouvirmos.

Logo da xornada inaugural, o pasado 13 de setembro, co concerto de La Morra, na igrexa gótica de San Nicolao de Cis –no concello coruñés de Oza-Cesuras–, o ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, baixo a dirección artística de Belén Bermejo, percorrerá ata o 28 de outubro os concellos de Monforte de Lemos, San Cristovo de Cea, Santiago de Compostela, Silleda, O Barco, Forcarei, Baiona, Bueu e Pontevedra. Farao cunha programación que convida á descuberta do patrimonio histórico e natural destes municipios, a través de concertos e dunha completa programación de actividades, entre as que se inclúen obradoiros de música antiga, visitas guiadas a bens de especial interese cultural e rutas pola súa contorna.

Recoñecidos grupos e artistas galegos e internacionais

Recoñecidos grupos e artistas internacionais, como o cantante estadounidense Joel Frederiksen ou La Macorina comparten cartel en Espazos Sonoros cunha mostra do mellor talento artístico galego, que estará representado por Óscar Ibáñez trío, pola formación Herbens Consort, especialista en interpretación de repertorios barrocos; polo Quinteto Egeria, formado por intérpretes da Real Filharmonía de Galicia e do claustro de profesores do Conservatorio de Santiago; ou polo dúo de zanfona e acordeón diatónico integrado por Óscar Fernández e Carlos Quintá.

A próxima cita de Espazos Sonoros terá lugar o vindeiro sábado 26 de setembro no refectorio de Santa María A Real de Oseira, en San Cristovo de Cea, onde terá lugar un obradoiro de achegamento á música antiga dedicado á frauta de bico, dirixido a todos os públicos. Moderado polo músico e investigador Andrés Díaz, contará coa presenza, xunto con reputados músicos galegos e especialistas no instrumento, da frautista austríaca Ilse Strauss e do laudista e xornalista musical da ORF, Wolfgang Praxmarer.

O prazo para participar no obradoiro, con capacidade máxima para 60 persoas, está aberto ata o 23 de setembro en actividades@espazossonoros.orgnova venta

Faladoiros, visitas guiadas e rutas

Xunto coa rolda pola paisaxe organística e o obradoiro de música antiga, a oitava edición de Espazos Sonoros ofrecerá outras actividades para achegar o público á música e ao patrimonio histórico. As ‘Escoitas arredor de…’, un espazo de música e faladoiro para coñecer a cara máis íntima dos artistas; visitas guiadas a bens de especial interese cultural como o mosteiro de Oseira, xornadas de lecer arredor da pegada da familia Massó e de Urbano Lugrís en Bueu e da paisaxe cultural e natural de Éntoma, xunto con camiñadas por rutas como a do camiño das Neveiras, en Aciveiro, Forcarei, para coñecer a cultura do xeo en Galicia, completa o programa de actividades do festival.

Concertos de balde e con entrada libre

Todos os concertos de Espazos Sonoros son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas actividades con prazas limitadas, que se poden consultar en www.cultura.gal e www.espazossonoros.orgnova venta, é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.

18 de setembro de 2015 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.