publicidade hoxe

Espazos Sonoros comeza a oitava edición cunha singular programación para descubrir o patrimonio histórico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOza/Cesuras
A-
A+

A prestixiosa formación de música antiga La Morra abrirá o vindeiro domingo 13 de setembro a oitava edición de “Espazos Sonoros”, o ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a descuberta e posta en valor do patrimonio histórico a través de concertos e dunha completa programación de actividades, entre as que se inclúen obradoiros de música antiga, faladoiros e visitas guiadas.

A igrexa gótica de San Nicolao de Cis, no concello coruñés de Oza-Cesuras, acollerá, a partir das 20:00 horas, o concerto inaugural deste ciclo, no que o conxunto integrado por Corina Marti (‘clavisimbalum’ e ‘organetto’), Michal Gondko (laúde) e Vivabiancaluna Biffi (canto e fídula) interpretará un programa sobre as músicas de Francesco Landini, un dos compositores italianos de maior sona do chamado trecento.

Recuperación dunha gravación insólita

Recoñecidos grupos a artistas internacionais, como La Morra ou o cantante estadounidense Joel Frederiksen –que ofrecerá un recital de músicas barrocas e renacentistas na igrexa de Santa Liberata, en Baiona, o 18 de outubro– comparten cartel en “Espazos Sonoros” cunha mostra do mellor talento artístico galego. É o caso de Óscar Ibáñez trío, que fará gozar o público cun concerto baseado no gaiteiro de Campañó, Xan Tilve, e na gaita histórica que del se conserva no Museo de Pontevedra.

Ademais de reivindicar a figura deste músico, o concerto, que lle porá o punto final ao festival o 28 de outubro en Pontevedra, ás 20:00 horas, terá como protagonista a Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015, que nos anos 40 promoveu unha gravación documental insólita e de gran valor etnomusicolóxico: a marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó e comentada ao vivo por el mesmo, que foi recuperada recentemente por aCentral Folque cun estudo editado nun libro-disco sobre o gaiteiro de Campañó e a contribución de Filgueira á súa documentación sonora.

Cancións populares a través da música clásica

A formación galega Herbens Consort, especialista en interpretación de repertorios barrocos, actuará o domingo 11 de outubro, ás 19:00 horas, na igrexa de Santa María de Aciveiros, en Forcarei, mentres que o Quinteto Egeria, formado por intérpretes da Real Filharmonía de Galicia e do claustro de profesores do Conservatorio de Santiago, ofrecerá un repertorio de músicas populares e tradicionais adaptadas á linguaxe da música clásica.

A música tradicional tamén estará presente da man de Óscar Fernández e Carlos Quintá. O dúo de zanfona e acordeón diatónico deleitará o público cun concerto, o 24 de outubro, ás 19:00 horas, que xirará arredor dunha zanfona histórica que formou parte da colección particular da familia Massó e que se conserva no Museo Massó de Bueu. Na súa actuación reinterpretarán músicas tradicionais, nomeadamente do cancioneiro instrumental galego, a través dun repertorio de muiñeiras, xotas, valses, mazurcas, polcas e foxtrots, e cancións tradicionais mariñeiras.

Tender pontes con novas linguaxes musicais

E para tender pontes cara a novas linguaxes musicais, “Espazos Sonoros” contará con propostas como a de Diana Baroni, cantante e experta en interpretación de música barroca, que se presenta acompañada por Tunde Jegede, Alfonso Pacín e Rafael Guel en La Macorina, un proxecto no que converxen diferentes tradicións musicais e que ten como base o repertorio amerindio indíxena, a tradición musical europea do Renacemento e do Barroco e a tradición oral africana.

Roldas pola paisaxe organística de Monforte de Lemos

Xunto cos concertos, “Espazos Sonoros” programa actividades paralelas para lle ofrecer ao público vivencias diferentes arredor da música e do patrimonio histórico. Con este obxectivo, os órganos volverán ser protagonistas nesta nova edición de “Espazos Sonoros”. Desta volta, o festival fará parada en Monforte de Lemos, o sábado 19 de setembro, para afondar no rico patrimonio organístico e musical atesourado nesta histórica vila. A inscrición para participar nesta rolda pola paisaxe organística das terras de Lemos está aberta ata o 16 de setembro en actividades@espazossonoros.org

A xornada, que comezará ás 11:00 horas cun achegamento aos órganos de Santa María da Régoa e San Vicente do Pino, completarase cun percorrido pola vila da man de Richard Rivera, coautor da obra ‘Itinerario histórico-musical de Monforte de Lemos’, e rematará cun concerto a cargo do Coro Vox Stellae e dos Menestreis de 1500.

Conversas con artistas

Tamén regresan nesta edición as ‘Escoitas arredor de…’, un espazo de música e faladoiro para coñecer a cara máis íntima dos artistas. Desta volta, o xornalista Anxo Quintela conversará con Diana Baroni e Tunde Jegede para coñecer as súas experiencias musicais e persoais. Será na cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea, o día 3 de outubro ás 19:00 horas.

Obradoiros de música antiga, roteiros e xornadas de lecer

Os espazos divulgativos tampouco faltarán co obradoiro de achegamento á música antiga, que este ano estará dedicado á frauta de bico e que terá como escenario o refectorio de Santa María a Real de Oseira, en San Cristovo de Cea, o 26 de setembro. Neste concello, o mesmo día, “Espazos Sonoros” ofrecerá tamén unha visita guiada ao mosteiro de Oseira, á que se sumarán outras actividades como as xornadas de lecer que terán lugar en Bueu, o 24 de outubro, arredor da pegada da familia Massó e de Urbano Lugrís nesta vila pontevedresa, e no Barco, o 10 de outubro, arredor da paisaxe cultural e natural de Éntoma, xunto con camiñadas por rutas como a do camiño das Neveiras, en Aciveiro, Forcarei, o día 10 de outubro, para coñecer a cultura do xeo en Galicia.

Concertos e actividades, de balde

Todos os concertos de “Espazos Sonoros” son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas actividades con prazas limitadas, que se poden consultar en www.cultura.gal e www.espazossonoros.org, é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.

8 de setembro de 2015 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.