publicidade hoxe

Educación investiu 55.000 euros na adaptación dun novo ximnasio para o CEP Carlos Casares de Salvaterra do Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSalvaterra de Miño
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de investir este ano máis de 750.000 euros para levar a cabo traballos a cargo do RAM (reforma, ampliación e mellora) nun total de 34 centros educativos de Vigo e a súa área territorial. Concretamente, actuouse en 20 colexios de Primaria e 14 de Secundaria dos concellos de Vigo, Baiona, Gondomar, Nigrán, Moaña, Cangas, O Porriño, Mos, Redondela e Salvaterra do Miño.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o CEP Carlos Casares de Salvaterra do Miño, un dos centros de educación primaria nos que se levaron a cabo este tipo de reformas. Neste colexio leváronse a cabo obras de adaptación do soportal para construír en ximnasio. Estas obras tiveron un orzamento de 54.965,95 euros e xa están rematadas.

Coma explicou a delegada, os traballos foron necesarios xa que ao carecer o centro de ximnasio procedeuse a pechar o soportal cuberto existente á continuación dos vestiarios e transformalo en ximnasio. Ata o de agora, as clases de educación física realizábanse na pista polideportiva cuberta e nun espazo existente na planta baixa do centro que tamén se utiliza como salón de actos. Dentro do recinto escolar non hai un espazo idóneo para levar a cabo unha nova construción polo que se considerou o porche cuberto existente como un espazo idóneo para esta instalación aproveitando os vestiarios existentes.

Acompañada pola directora do centro, María Luz Gómez, a tenente de alcalde do municipio, Marta Valcarce, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, Bravo Bosch percorreu as instalacións do centro educativo, que no pasado curso contou con tres liñas dos contratos-programa ademais de ser partícipe tamén do programa de froita fresca.

A delegada destacou así o investimento realizado no CEP Carlos Casares posto que nos últimos anos foron varias as obras feitas no colexio nas que a Consellería de Educación investiu un total de 70.000 euros (69.986,22) e que pasaron por reformas da instalación de fontanería ou a reparación da cuberta.

Ademais, explicou que nos centros de Primaria e Secundaria do municipio de Salvaterra (CEIP Leirado, CEIP Infante Felipe Borbón, CEP Carlos Casares e IES Salvaterra), o investimento do departamento de Educación en obras de reparación e acondicionamento foi de 734.000 euros.

Estas actuacións inclúense dentro do paquete de intervencións deseñado polo departamento de Educación para a posta a punto dos centros educativos de cara ao comezo do vindeiro curso escolar 2015/2016. Deste xeito, a Xunta de Galicia traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar a mellorar as condicións de traballo e estudo de docentes e alumnos.

Investimentos en Vigo e área
Bravo Bosch amosou así o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade educativa e as infraestruturas da área territorial de Vigo durante os últimos anos. Exemplo disto son os 19 millóns de euros que o departamento que dirixe o conselleiro Román Rodríguez destinou soamente a diferentes obras que van a cargo do RAM (reforma, ampliación e mellora) dos centros de Primaria e Secundaria dos 14 concellos que conforman a Delegación Territorial no período 2009-2015.

Neste senso, Vigo cidade foi a máis beneficiada xa que no mesmo período de tempo a Xunta de Galicia investiu máis de 12 millóns de euros para o mesmo fin nos centros educativos da cidade.

24 de setembro de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.