publicidade hoxe

Educación avanza nos trámites para construír un novo CEIP en Culleredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+
Román Rodríguez no IES de Culleredo. Foto: M. Fuentes

Román Rodríguez no IES de Culleredo. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento está avanzando nos trámites co concello para poder comezar co proxecto de construción do novo CEIP en Culleredo o vindeiro ano.

En todo caso, antes de iniciar o proceso de licitación é preciso que o concello desvíe o colector de saneamento situado na parcela onde se levantará o centro, “un requisito imprescindible” –en palabras do titular do departamento educativo da Xunta de Galicia– para poder asinar o convenio co goberno municipal. Ademais, a Consellería está tamén pendente de recibir unha serie de información complementaria en torno á finca.

Así o explicou Román Rodríguez con motivo da súa visita ao novo IES de Culleredo, onde comprobou o estado das obras, cuxo remate está previsto para decembro para despois poder comezar co traslado do alumnado. O conselleiro recordou que, ao igual que o futuro CEIP, se trata dun instituto “necesario debido ao crecemento da poboación escolar neste concello nos últimos anos”.

Neste sentido, o novo centro permitirá desagregar o IES Eduardo Blanco Amor, favorecendo así a repartición do alumnado desta etapa educativa entre ambos os dous institutos, tendo en conta que a evolución da poboación neste concello coruñés apunta cara un aumento progresivo.

Durante a súa visita, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana; e a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo.

O IES, composto por dous volumes

Cunha inversión inicial que supera os 4 millóns de euros -e que, segundo as previsións, pode ascender ata os 4,5 co equipamento e outras actuacións- o novo IES terá capacidade para acoller 480 alumnos e alumnas, ao contar con 16 aulas: 12 de ESO e 4 de bacharelato. Situado nunha zona privilexiada en canto a recursos ambientais e paisaxísticos se refire, o centro está composto por dous volumes, situados a dous niveis distintos co fin de adaptarse á topografía existente.

Na planta baixa do volume principal situarase o vestíbulo, así como o bloque de administración, dirección e sala de profesores. Tamén albergará a zona de laboratorios, talleres de tecnoloxía e correspondentes aseos. Na primeira planta deste mesmo volume estarán as aulas de plástica, informática, música, desdobre e a aula polivalente, así como a biblioteca, seminarios, cafetería e cociña. As 16 aulas situaranse na segunda planta.

En total, a superficie do edificio será de 4.855,86 metros cadrados, aos que se lle sumarán os 1.188,60 da pista polideportiva cuberta. Esta situarase no segundo volume do centro, onde se agrupará toda a zona deportiva –ximnasio e vestiarios– , que terá un acceso directo desde a vía pública.

Edificio integrado no espazo natural

O novo IES de Culleredo, que se enmarca dentro do compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia con aquelas zonas onde hai un incremento da poboación escolar (como tamén ocorre en Milladoiro, Carral ou Oleiros), quedará completamente integrado no espazo natural que o rodea. De feito, e aproveitando o medio, acondicionarase unha ampla zona verde dentro do propio recinto do instituto.

2 de setembro de 2015 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.