publicidade hoxe

Donas e Galáns mostra a súa colección de traxes tradicionais en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Mostra de traxes tradicionais

Mostra de traxes tradicionais

Máis dun cento de pezas compoñen a exposición que desde esta semana e ata o 23 de outubro poderá visitarse na galería do primeiro andar da Casa do Concello. Trátase dunha mostra con roupa e obxectos da colección da asociación folclórica e cultural Donas e Galáns de Ferrol, que leva máis de trinta anos investigando e recuperando tanto vestimentas galegas como música tradicional. Traxes, capas, camisas, mantóns, zocos e zocas, sombreiros, vestidos de festa e de diario…, uns orixinais e outros copiados de pezas antigas que ofrecen un completo catálogo da indumentaria do país -principalmente do século XIX-, cando aínda non penetraran as modas de ultramar.

O groso da exposición ocupa case por completo un dos corredores da galería do Concello. Segundo se entra pola escaleira principal atopamos unha pequena introdución á mostra na que se nos explica que o traxe galego “é moi variado” xa que os deseños dependían de múltiples factores, como por exemplo a zona -As Mariñas, Muros, Bergantiños, Santiago, etc.-, os usos e o statussocioeconómico de quen os vestise. 

Este último aspecto era o que, segundo a descrición, marcaba a calidade dos tecidos, debido a que quen máis poder adquisitivo tiña tamén podía permitirse “sedas, veludos, brocados, bordados, aplicacións e pedrería”. Con todo, entre os labregos e labregas, dentro do que cadaquén puidese, tamén había diferenzas no que se poñía, dependendo se era “para diario, para ir á feira, á misa, ás festas ou ás romarías”.

De case todo hai un exemplo na exposición, tanto de home como de muller. Incluso roupa de cama e de traballo. Son camisas de liño, unha capa confeccionada en saial recuperada na montaña ourensá, panos de seda, exquisitos mantóns de manila, xustillos, chaleques e outras pezas de rica manufactura que Donas e Galáns foi recuperando por toda Galicia dentro do seu labor etnográfico que tamén abrangue a música, o baile e, por suposto, a divulgación do seu traballo. De feito, a entidade participará este sábado a partir das 20.00h. na Casa da Cultura na Xornada de Cultura popular galega organizada por Berros do Castro. Donas e Galáns compartirán programa con Xan Pampín e co coro Novo Aires da Terra nunha sesión con entrada de balde.  

A mostra sobre o traxe galego estará aberta ata o 23 de outubro e pode visitarse no primeiro andar da Casa do Concello en horario de mañá de luns a sábado.

25 de setembro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.