publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deteñen a un home de 83 anos polo incendio de Cualedro que queimou máis de 3.000 hectáreas

Europa Press

A Garda Civil de Ourense detivo a un home duns 83 anos de idade, G.A.A. veciño de Cualedro, como presunto autor do gran incendio forestal que queimou esta semana 3.180 hectáreas na citada localidade situada na provincia ourensá. Segundo engadiron fontes da Garda Civil, está previsto que o detido pase a disposición xudicial ao longo deste venres, no Xulgado de instrución de Verín.

O lume iniciárase ás 12.30 horas do pasado día 30 na parroquia de Lucenza, no municipio ourensán de Cualedro, e os traballos de control das chamas estendéronse até o xoves desta semana, cando quedou extinguido ás 11.20 horas.

Tratouse do primeiro e por agora único gran incendio forestal da campaña de alto risco en Galicia -aqueles que superan as 500 hectáreas calcinadas-, arrasando 3.180 hectáreas, 748 delas arboredos, durante os catro días que permaneceu activo.

As chamas propagáronse con rapidez a tres concellos limítrofes (Xinzo, Trasmiras e Baltar). Na área do incendio localizáronse varios artefactos incendiarios e houbo até sete focos nun radio de seis quilómetros.

Tamén foi necesario activar a situación 2 por proximidade das chamas ás vivendas, rexistrándose situacións de alto risco en polo menos sete localidades deste municipio. As chamas aproximáronse e devastaron extensións considerables de monte das localidades de Saceda, Pedrosa, Lucenza, Lamalonga, Muimenta, Vileda e o propio Cualedro.

O lume tamén se aproximou a localidades de Xinzo de Limia como Gudín, Novás e Cebreiro, así como ás de Vilardelebres e Serralleira de Trasmiras e outras do municipio de Baltar.

O incendio afectou, ademais, a granxas ou alpendres e dous vehículos motobomba, e obrigou a desaloxar diversas vivendas pola proximidade das chamas.

4 de setembro de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.