publicidade hoxe

Curso de Avicultura e Posta Ecolóxica para mulleres en Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame porá en marcha a mediados do mes de setembro un Curso de Avicultura e Posta Ecolóxica. Esta acción formativa, que se encadra dentro do Programa de Fomento do Autoemprego das Mulleres, é de carácter gratuíto.

As inscricións deberán formalizarse nas oficinas da Concellaría de Igualdade de Lousame antes do próximo luns 14 de setembro. “Tras completar as prazas ofertadas, convocarase ás persoas inscritas a unha reunión onde se acordarán as datas e horarios das sesións coa intención de ofertar a maior flexibilidade posible para que as mulleres interesadas poidan conciliar esta formación coa súa vida familiar”, indican dende este departamento municipal.

O curso terá unha duración de 25 horas, con sesións tanto teóricas coma prácticas. Estas últimas desenvolveranse nunha explotación avícola de posta ecolóxica e nunha empresa artesanal ecolóxica de aves e despezado, ambas ubicadas no municipio de Rois. 

O persoal docente estará composto por unha enxeneiro agrónoma, unha veterinaria e outro veterinario pertencente á Asociación AVIMÓS. As sesións formativas desenvolveranse nas instalacións da antiga escola de Sanguiñal e estarán divididas nun total de oito xornadas, seis teóricas –de 3 horas cada unha- e dúas prácticas. 

No tocante aos contidos, o programa contempla para a primeira xornada nocións sobre anatomía da galiña, razas, reprodución e alimentación. Na segunda, falarase sobre sistemas de cría, hixiene e profilaxe e enfermedades e tratamentos. A terceira sesión teórica centrarase na orientación da produción avícola (ovos, cría, carne, mixta, transformados de galiña, etc.); instalacións para as diferentes orientacións produtivas, matadoiros de Galicia e materiais e equipamentos precisos segundo as producións. 

A cuarta xornada adicarase ás as normativas para a cría ecolóxica de aves de posta, hixiénico-sanitarias, e de avicultura artesanal. Tamén se falará sobre os rexistros sanitarios e gandeiros precisos para desenvolver este tipo de actividade. 

O quinto día de curso centrarase no asociacionismo no sector avícola, así como nos rexistros de razas autóctonas e das axudas existentes por parte das diferentes administracións. Finalizarán as sesións teóricas cos plantexamentos para o inicio dunha explotación avícola de posta ecolóxica, aportando detalles sobre as normativas dos mercados e venda directa, os canais de comercialización e o asociacionismo para a produción e venda. 

A parte práctica (de sete horas de duración) prevé unha visita a unha explotación avícola de posta ecolóxica, ubicada no municipio de Rois. A xornada final comprenderá unha sesión de tres horas de prácticas nunha empresa artesanal ecolóxica de conservas de aves e despezado, que también se ubica no concello de Rois.

Para máis información, as interesadas deberán chamar ao teléfono da Concellaría de Igualdade de Lousame (981 820 494). Esta iniciativa formativa do Programa de Fomento do Autoemprego das Mulleres conta co apoio da Deputación de A Coruña.

 

1 de setembro de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.