publicidade hoxe

Costa Rica interésase pola xestión do medio rural das Mariñas Coruñesas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+
Visita do profesor costarricense

Visita do profesor costarricense

A reserva de biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo serve de exemplo a nivel internacional. Nesta ocasión foi Costa Rica o país que quixo coñecer o traballo no desenvolvemento rural que se realiza desde a reserva coruñesa. Leonardo Selectos, profesor de Universidade Nacional de Costa Rica na Escola de Ciencias Agrarias, contactou coa Universidade de Santiago de Compostela no seu proxecto de investigación de coñecer o traballo no ámbito que se realiza en Europa. E a USC recomendoulle visitar As Mariñas Coruñesas como exemplo de boas prácticas, cuestión que realizou a semana pasada.

Aquí mantivo entrevistas con José Antonio Santiso, presidente da reserva, e Jorge Branco, xerente, para entender de primeira man como leva a cabo o traballo.

O profesor costarriqueño, ao termo da súa estadía na reserva, manifestou a súa satisfacción polo destino elixido dado que descubriu prácticas “reproducibles”. É o caso, indicou, da coordinación existente no grupo rural, os concellos e a sociedade civil.

Un dos aspectos que Selectos máis valorou foi “a estratexia de diferenciación e a interacción entre os sectores produtivos”. Neste sentido resaltou a idea das Mariñas Coruñesas de “fixar no territorio a produtividade”, ao promover circuítos curtos de comercialización.

Así mesmo destacou a innovación que impulsa a reserva, a capacitación dos xestores e o investimento de recursos na biodiversidade agraria.

Santiso mostrouse “orgulloso” de poder servir de referente para un país como Costa Rica, máxime coa recomendación da propia Universidade de Santiago. Considera que isto “demostra unha vez máis que estamos a facer as cousas ben enfocadas e con rigor”.

Agora o profesor costarriqueño ten a idea de poder levar á súa Universidade a un ou dous expertos de Galicia para continuar o seu proxecto.

21 de setembro de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.