publicidade hoxe

Cores Tourís visita as adegas Castrobrey de Vila de Cruces no remate da vendima na comarca do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+
Cores Tourís na visita á adega Castrobrey

Cores Tourís na visita á adega Castrobrey

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, rematou esta mañá nas adegas Castrobrey de Vila de Cruces a rolda de visitas á cooperativas para comprobar o avance da vendima dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jesús Otero, e polo xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

“O obxectivo destas visitas que estiven realizando ao longo das pasadas semanas a varias cooperativas”, engadiu o delegado territorial, “foi estar en contacto cos viticultores e bodegueiros para coñecer o seu sentir nesta vendima na que, segundo o Consello Regulador, recolléronse xa 31,1 millóns de quilos de uva en toda a denominación de orixe, o que significa un 30% máis co ano pasado”.

José Manuel Cores Tourís incidiu no apoio aos viticultores por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar. Deste xeito, destinouse case medio millón de euros este ano para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. “Na denominación de orixe Rías Baixas estes plans permitirán mellorar 32 hectáreas, cunhas axudas que roldarán os 271.256 euros, é dicir, case o 60% do total aportado para a comunidade autónoma”, explicou o delegado territorial.

“O futuro da nosa comunidade autónoma pasa”, segundo apuntou Cores Tourís, “por apostar polos sectores con maior puxanza económica como, neste caso, é o vitivinícola, que está a exportar na Denominación de Orixen Rías Baixas, na actualidade, un 30% de toda a produción”.

“De ahí a aposta da administración autonómica cara a este sector. Deste xeito, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas conta cunha axuda anual da Consellería de Medio Rural e do Mar que rolda os 800.000 euros cada ano”.

Dende 2009, as adegas desta denominación destinaron máis de 43 millóns a investimentos, dos cales 19 foron aportados a través de subvencións pola Xunta de Galicia. “En concreto, as adegas destinaron 27 millóns á modernización das súas instalacións, logrando unha axudas de 11 millóns de euros; ademais, tamén destinaron 16 millóns á comercio e exportacións, así como a promoción, dos que 8 corresponderon a aportacións da administración pública”, explicou Cores Tourís, quen destacou que “un exemplo deste traballo de mellora e promoción é a adega que hoxe visitamos en Vila de Cruces, que destinou recentemente 45.000 euros para mellorar a súa destilería, dos cales o 45% procederon dunha subvención da Consellería de Medio Rural e do Mar”.

Adegas Castrobrey

Trátase unha adega familiar fundada en 1983, actualmente liderada pola terceira xeración e que se adica á elaboración e comercialización de viños da DO Rias Baixas . Está situada na subzona do Ulla, concretamente en Camanzo (Vila de Cruces) .

Dispón de 12 hectáreas de viñedo, situadas nun val, á beira do río Ulla, a uns 100 metros por riba do nivel do mar, aínda que situado en zona de montaña. Tamén adquieren uva a outros produtores. As viñas atópanse situadas en emparrado, o que axuda a evitar as humidades, mellorar a aireación e tamén a maduración.

Na elaboración do viño combinan unha produción artesanal coas técnicas máis avanzadas de criomaceración e de fermentación controlada en aceiro inoxidable. As marcas coas que comercializan os seus viños son Sin Palabras, Castro Valdés, Señorío de Cruces, Señorío de Regas, Nice to meet you e Mencía Castro Brey. Ademais, co bagazo obtido tras a elaboración dos viños, tamén producen orujo, licor café e licor de herbas baixo a marca “Bocabajo”.

28 de setembro de 2015 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.