publicidade hoxe

Cores Tourís visita a adega Viña Almirante no inicio da vendima en Portas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortas
A-
A+
Cores Tourís na visita á adega Viña Almirante

Cores Tourís na visita á adega Viña Almirante

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a adega Viña Almirante situada no concello de Portas, en compaña do xefe territorial de Medio rural e Mar, Miguel Dubois, e do alcalde da localidade, Víctor Estévez, co obxectivo de comprobar o arranque da vendima nesta zona dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

“O obxectivo desta visita”, engadiu o delegado territorial, “é estar en contacto cos viticultores e bodegueiros para coñecer o seu sentir nesta vendima na que, se estima, vanse recoller, segundo os últimos estudos realizados polo Consello Regulador, entre 30 e 32 millóns de quilos de uva en toda a denominación de orixe”. De feito, no día de onte, contabilizábanse 29 millóns de euros, “o que significa un 30% máis co ano pasado. Desta cantidade, o 65% corresponden á subzona do Salnés”.

José Manuel Cores Tourís incidiu no apoio aos viticultores por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar. Deste xeito, destinouse case medio millón de euros este ano para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. “Na denominación de orixe Rías Baixas estes plans permitirán mellorar 32 hectáreas, cunhas axudas que roldarán os 271.256 euros, é dicir, case o 60% do total aportado para a comunidade autónoma”, explicou o delegado territorial.

O delegado territorial recordou a importancia do sector vitivinícola, non só para a provincia de Pontevedra senón tamén en toda Galicia. “O futuro da nosa comunidade autónoma”, afirmou, “pasa por apostar polos sectores con maior puxanza económica como, neste caso, é o vitivinícola, que está a exportar na Denominación de Orixe Rías Baixas, na actualidade, un 30% de toda a súa produción”.

“De ahí a aposta da Administración autonómica cara a este sector. Deste xeito, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas conta cunha axuda anual da Consellería de Medio Rural e do Mar que rolda os 800.000 euros cada ano”. No caso da adega que hoxe visitou o delegado territorial, nos últimos anos obtivo 193.000 euros de subvencións para a comercialización e industrialización, así como para a asistencia a feiras.

A cooperativa Viña Almirante, que conta cunha capacidade para 393.000 litros e vinifica, nun ano normal, ao redor de 445.000 quilos de uva da variedade albariño. Naceu en 2000 e no momento da súa creación contou con 45 socios fundadores, aínda que na actualidade o número de socios chega xa aos 80, que suman unha superficie total de 45 hectáreas, todas elas inscritas no Consello Regulador da Denominación Rías Baixas.

A súa tecnoloxía inclúe prensas neumáticas, maceradores tubulares, bombas de trasego, filtros tanxenciais, de membrana e de terras, depósitos de aceiro, equipo de frío, depósito pulmón e un tren de embotellado e etiquetado. A adega comercializa cinco marcas: Pionero Mundi, Elas, Vanidade, Pionero Maccerato e Vicius Barrica.

O xerente da firma destacou que dende esta adega estase a realizar un “intenso” traballo para ampliar mercados e chegar así a ampliar o número de botellas que se envían fora das nosas fronteiras. De feito, os viños producidos en Viña Almirante chegan a países como Brasil, México, Estados Unidos, Reino Unido ou Suíza entre outros destinos. Así, destina o 35% das súas vendas a Galicia, o 30% restante a España e o resto a Europa nun 14% e a América un 21%.

24 de setembro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.