publicidade hoxe

Cores Tourís comproba o inicio da vendima na comarca do Baixo Miño visitando a Adega Lagar de Fornelos de O Rosal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO RosalPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á adega Lagar Fornelos

Cores Tourís na visita á adega Lagar Fornelos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a adega Lagar de Fornelos de O Rosal en compaña do alcalde da localidade, Jesús María Fernández, e do xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois, co obxectivo de comprobar o arranque da vendima na comarca do Baixo Miño dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

“O obxectivo desta visita”, engadiu o delegado territorial, “é estar en contacto cos viticultores e adegueiros para coñecer o seu sentir nesta vendima na que, se estima, vanse recoller, segundo os últimos estudos realizados polo Consello Regulador, entre 32 e 34 millóns de quilos de uva en toda a denominación de orixe”. De feito, xa se recolleron 7,5 millóns de quilos nos últimos días nas subzonas de O Rosal e o Condado.

José Manuel Cores Tourís incidiu no apoio aos viticultores por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar. Deste xeito, destinouse case medio millón de euros este ano para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. “Na denominación de orixe Rías Baixas estes plans permitirán mellorar 32 hectáreas, cunhas axudas que roldarán os 271.256 euros, é dicir, case o 60% do total aportado para a comunidade autónoma”, explicou o delegado territorial.

Lagar de Fornelos naceu trala compra en 1988 da empresa La Rioja Alta, S.A., da adega Fernández Cervera Hermanos S.L., propiedade dunha familia relacionada coa construción naval. O obxectivo dos novos donos era buscar un lugar no que afincarse en Galicia para probar novos camiños enolóxicos. A adega ten capacidade para produción 600.000 litros de viño, “que son os que agardan recoller ao longo dos próximos días”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

A sociedade ten por obxecto cultivo da vide, a elaboración e embotellado de viños e a elaboración e embotellado de augardentes, para o cal dispoñen de 75 hectáreas de viñedo, 60 no Rosal e 15 no Salnés, ademais dunha adega de elaboración de viño e dunha pequena destilería.
A maiores, tamén fabrica augardentes, para o cal dispoñen dunha pequena destilería con 8 alambiques, 20.000 litros de almacenamento en aceiro inoxidable e 90 barricas de carballo.

O delegado territorial aproveitou a visita a esta empresa para recordar a importancia do sector vitivinícola, non só para a provincia de Pontevedra senón tamén en toda Galicia. “O futuro da nosa comunidade autónoma”, afirmou, “pasa por apostar polos sectores con maior puxanza económica como, neste caso, é o vitivinícola”.

A exportación é, segundo apuntou Cores Tourís, unha das apostas más serias deste sector. “Esta adega, que exporta o 50% da súa produción a mercados como Reino Unido, Alemaña, México, Xapón ou EUA, é un bo exemplo de que a tendencia nos mercados de exportación tamén se plasma no incremento dos destinos, así como no número de adegas que afrontan a difícil tarefa de saír aos mercados a vender”, engadiu Cores Tourís, quen recordou que os caldos da denominación de orixe Rías Baixas chegan a mercados como o estadounidense, “que supón a metade das exportacións”, o inglés, o alemán ou o holandés, ademais de a países como Porto Rico, Suíza, Noruega, México, Xapón ou China.

14 de setembro de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.