publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Concello e IES de Curtis estudarán presentar unha oferta alternativa de FP para o vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

O Concello, ante a retirada do IES de Curtis de dous ciclos de Formación Profesional pola baixa inscrición dos alumnos, convocou unha reunión para o día 15 de outubro co AMPA, a dirección do Instituto e representantes municipais co obxectivo de preparar unha proposta formativa alternativa para o próximo ano escolar. A intención é evitar a situación sufrida este curso, no que o Goberno local, tras ser alertado en xuño da posibilidade de que Curtis se quedase sen os ciclos de Instalacións Eléctricas e Xestión Administrativa, mobilizouse para que Educación os mantivese operativos. Non foi posible pola baixa matrícula, aínda que finalmente a Consellería si aceptou a proposta de implantar Formación Básica de Administrativo, o que antes era FP1.

Agora, tras analizar a situación coa dirección do centro educativo e a instancias da concelleira de Cultura e Educación, Eva Latexe, o Concello convocou esta reunión para acordar os criterios e as pautas que permitirán desenvolver un estudo en profundidade sobre os intereses dos alumnos e as necesidades de formación detectadas tanto no municipio como nos concellos aos que dá cobertura o IES de Curtis. O obxectivo é axustar a oferta educativa á demanda real da zona. Os  resultados deste estudo sentarán as bases da proposta que se elevará á Consellería de Educación para o próximo curso escolar. 

Á reunión acudirán representantes do Goberno local, dos pais de alumnos e a directiva do IES. Ademais, convidarase ao BNG como grupo de oposición na Corporación para que participe coas súas propostas.

O Concello de Curtis reclamou en multitude de ocasións á Xunta que adopte medias no rural para evitar desigualdades no acceso á educación respecto dos alumnos das áreas urbanas, e insistiu na importancia de impartir unha formación de calidade nos pequenos municipios como unha das claves para asentar poboación. 

21 de setembro de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.