publicidade hoxe

Comezan os traballos de posta en valor do petroglifo de Chan dos Areeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilaboa
A-
A+
Inicio dos traballos

Inicio dos traballos

Durante o mes de setembro desenvolveranse na parroquia de Santa Cristina de Cobres os traballos de escavación arqueolóxica, limpeza e documentación dos petroglifos do Chan dos Areeiros. A intervención, que permanece aberta ás visitas, complementarase cunha charla informativa orientada a difundir os valores do xacemento.

O petroglifo de Chan dos Areeiros, situado na marxe dunha pista forestal, entre os lugares de Acuña e Areeiros, está exposto a un alto risco de deterioro debido á falta de sinalización e protección. O proxecto inclúe a escavación arqueolóxica do contorno con vistas a descubrir as zonas gravadas que permanecen ocultas baixo os sedimentos, así como a documentación dos motivos e da sinalización do enclave. Búscase garantir a correcta conservación do sitio ao mesmo tempo que se facilita a visualización do espazo, convertíndoo nun recurso turístico para o concello, que xa conta con outros exemplares de arte rupestre nun entorno natural privilexiado.

A intervención, promovida pola Consellería de Patrimonio da Xunta de Galicia, conta coa colaboración da Concellería de Cultura e Mocidade do Concello de Vilaboa, e está dirixida por Fernando Carrera Ramírez e é executada por Rock Art Conservation S.L., empresa especializada na conservación e xestión de arte rupestre.

O traballo de campo levarase a cabo entre o 1 e o 7 de setembro, período durante o cal o espazo permanecerá aberto ás visitas. Unha vez finalizados os traballos, organizarase unha charla explicativa dos mesmos así como unha visita nocturna ao enclave arqueolóxico.

2 de setembro de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.