publicidade hoxe

Comezan as obras de creación da nova praza pública no igrexario de Soutullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Xa está en marcha a obra de creación da nova praza pública da parroquia de Soutullo, que será habilitada na parcela de titularidade municipal adquirida para tal fin nas inmediacións da igrexa de Santa María, un dos principais puntos de encontro de referencia para os veciños desta parroquia.

O proxecto, valorado en máis de 80.000 euros, está a ser executado pola empresa larachesa Construcciones Liscarmón S.L., cuxa sede social está Golmar. Co responsable desta sociedade reuníronse hoxe no lugar das obras o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de obras, Jesús Souto. 

A nova praza de Soutullo terá unha superficie duns 850 metros cadrados e será un espazo polivalente ao ofrecer, polas súas características, diversidade de usos, tales como área de descanso, albergar eventos sociais da parroquia e mesmo como zona de estacionamento de vehículos cando así se requira. 

O pavimento será de formigón e celosía de céspede, é dicir, os adoquíns colocaranse separados uns poucos centímetros de maneira que eses ocos poidan ser colonizados pola vexetación. Deste xeito lograrase o dobre obxectivo de facilitar o tránsito a pé e rodado, pero permitindo o crecemento do céspede para reducir o impacto visual. Este é o tipo de pavimento que o Concello da Laracha, de acordo coa Dirección Xeral de Patrimonio, está a empregar habitualmente nas prazas públicas das parroquias, sendo os últimos exemplos as de Soandres e Lemaio (ambas, actualmente en fase de execución).

Na praza de Soutullo tamén haberá espazos exentos de formigón nos que se crearán zonas axardinadas e serán plantadas árbores autóctonas. 

O feito da proximidade ca Igrexa implica un coidado especial do impacto visual da actuación, que será mínimo xa que en ningún momento se ocultará o templo. A pesar de que a área a acondicionar se sitúa nunha plataforma superior, non se perde a escala do espazo e ningún elemento sobresae en altura. Ademais a plantación de árbores servirá para tapar a fachada posterior do cemiterio.

15 de setembro de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.