publicidade hoxe

Comeza o obradoiro de emprego “Moaña faculta” que formará a 20 persoas en mantenemento de xardíns e zona verdes e colocación de pedra natural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, iniciou en Moaña o novo Obradoiro de Emprego ´Moaña faculta´, onde se ofrece formación e emprego a un total de 20 alumnos e alumnas en dúas especialidades: mantemento de xardíns e zonas verdes e construción e colocación de pedra natural.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo Presidente do Padroado Municipal Beiramar , Salvador Meira Corrales, deu a benvida aos alumnos e alumnas, persoas desempregadas que recibirán formación e emprego durante 6 meses nas instalacións deste Padroado.

Coma lembrou Bravo Bosch, esta iniciativa alterna a formación co traballo ou a práctica profesional en dúas especialidades que redundarán positivamente nos participantes. Deste xeito preténdese unha dobre vertente: que as persoas desempregadas consigan aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional para que “aprendan traballando”. Ademais, percibirán o salario mínimo interprofesional toda vez que reciben formación para que logren una reinserción laboral posterior.

Así, a Consellería de Traballo e Benestar fai posible este programa mixto cun orzamento total de 178.000 euros. Esta iniciativa abre un importante espazo de colaboración administrativa no marco da aposta da Xunta de Galicia pola eficiencia e optimización dos recursos.

Con todo, os 20 alumnos e alumnas comezarán este novo OOEE e, entre as actuacións que levarán a cabo destacan:

– Na especialidade de mantemento e mellora de xardíns , os 10 participantes realizarán actuacións no paseo Marítimo de Meira, paseo da Seara, paseo marítimo de Domaio, parque infantil de Domaio, de Samertolameu, da Cerradiña, de Masandía e xardín da praza do Concello.
– Na especialidade de construción e colocación de pedra natural, os 10 alumnos e alumnas levarán a cabo accións de recuperación e restauración de fontes tradicionais e lavadoiros públicos: Lavadoiro Fonte dea Tella, Lavadoiro da Porta do Sol, Lavadoiro do Pozo Negro, de Rialdalca, da Fonte dos Porcos e do Con.

Cinco OOEE na área territorial de Vigo

No ámbito da Delegación Territorial de Vigo, concedéronse 5 obradoiros aos concellos de Vigo, Redondela, Moaña, Mos e a Mancomunidade do Val Miñor, cun investimento total de 935.000 euros para beneficiar a 105 persoas desempregadas.

Os obradoiros de emprego son programas mixtos de formación e emprego que contan con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo. Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional que contribúe á mellora da súa empregabilidade. Este tipo de iniciativas abre un importante espazo de colaboración cos concellos no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de orientar adecuadamente os esforzos. Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade.

Con todo, a Administración galega reforza a aposta por estes programas que ofrecen tantas vantaxes aos seus alumnos blindando a orde anual de Obradoiros que permite investir arredor de 15 millóns de euros na posta en marcha de máis de 70 obradoiros ao longo do presente ano e que terán 2.000 beneficiarios.

Accións Formativas para Desempregados (AFD)

A presentación que tivo lugar hoxe en Moaña serviu tamén para informar dos cursos AFD que a Consellería de Traballo e Benestar concedeu ao Concello de Moaña e que se van a desenvolver durante os vindeiros meses.

Así, 44 alumnos e alumnas máis formaranse nas especialidades de: Atención Sociosanitaria a persoas dependentes, con 468 horas de formación, montaxe de mobles e elementos de carpintería, con 478 horas, e instalación de elementos de carpintería con 518 horas. A Consellería de Traballo e Benestar subvenciona a realización destes tres cursos cun total de case 112.740 euros.

1 de setembro de 2015 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.