publicidade hoxe

Chega a 49 edición do Descenso Internacional do Sil

O vindeiro sábado día 12 de setembro celébrase na localidade ourensá do Barco de Valdeorras a 49 edición do Descenso Internacional do Sil. Esta proba pertencente á liga Galega é a última competición do ano e con ela pecharanse todas as clasificacións nas distintas ligas. Un total de 312 deportistas pertencentes a 34 clubs galegos e asturianos participarán nesta tradicional regata do calendario galego.

A organización da proba pon a disposición do público o denominado TREN FLUVIAL, que de modo gratuíto, recolle a todas as persoas interesadas, na Estación de Ferrocarril de O Barco, e trasládaas a Sobradelo (saída). Unha vez comeza a regata, fai paradas polo percorrido e retórnaas a O Barco.

A maiores dos xa tradicionais premios para os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada unha das categorías participantes, este ano a organización conta cos seguintes PREMIOS ESPECIAIS:

Todos/as os/as participantes serán obsequiados cun VALE DESCONTO para a realización de calquera actividade de aventura organizada pola empresa AVENTURAXTREMA, patrocinadora destes vales. Estes vales serán entregados xunto cos dorsais.

Cada un dos/as tres primeiros/as clasificados/as de cada unha das categorías recibirá un premio especial, consistente nun BONO REGALO para realizar un DESCENSO DE BARRANCO (canxeable antes de 31/12/2015) patrocinado por AVENTURAXTREMA.

Marcarase un punto de META VOLANTE, situado no “Cachón-Casas Baratas” e que estará debidamente sinalizado o día do descenso. Este premio consistirá en que os primeiros: K-2, K-1 e C-1 masculino, K-1 e C-1 dama que cheguen e salten polo Cachón Grande, serán premiados cun PREMIO ESPECIAL patrocinado por ADEGAS ROANDI.

Lémbrase aos clubs participantes que este ano hai que realizar o protocolo de desinfección de embarcacións previamente ao Descenso (igual que se realizou no Descenso do Miño de Lugo), polo que se habilitará unha carpa para a realización da mesma nos días e horarios que se indican a continuación:

Campiño de Viloira- Proximidades do campo de herba artificial

Venres, 11 de setembro: de 19,00  a 21,00 horas

Sábado, 12 de setembro: de 11,00 a 14,00 horas.

11 de setembro de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.