publicidade hoxe

Carmela Silva garántelle ó alcalde de Cangas as obras de mellora do Viso-O Hío

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+
Carmela Silva co alcalde de Cangas

Carmela Silva co alcalde de Cangas

Na súa primeira visita institucional ó Concello de Cangas Carmela Silva comprometeuse co alcalde, Xosé Manuel Pazos, a executar o convenio para as obras da vía de acceso á parroquia do Hío, que, dixo a presidenta, estaba paralizado desde as pasadas eleccións municipais. “Desde o 24 de maio non se moveu un papel pero esta obra vai ir para adiante e ímonos poñer a traballar de forma inmediata”. Silva garantiulle ó alcalde cangués a consignación orzamentaria para a mellora desta vía, moi perigosa para o tráfico e amplamente demandada polos veciños e veciñas, así como para outros proxectos, entre eles o modificado da bancada do campo do Alondras, que se vai intentar adiantar o máximo posible para poder continuar cos traballos. “Todos os convenios e obras que a Deputación tiña comprometidos con Cangas vanse realizar”, sinalou a presidenta.

Respecto das obras do Viso-O Hío Xosé Manuel Pazos comprometeuse, pola súa banda, a poñer os terreos a disposición, unha vez que o Concello negocie cos propietarios, e cualificou o investimento de “moi necesario” pola falta de seguridade desta estrada.

Na súa visita ó Concello a presidenta da Deputación tamén lle trasladou ó alcalde o novo modelo de relación que o Goberno provincial manterá cos municipios, baseado nun trato de “igual a igual, onde os concellos son os protagonistas”. Sobre o Fondo Local, Silva insistiu en que serán os alcaldes os que decidan que proxectos son os prioritarios para as súas localidades, “o que romperá co modelo existente ata agora para rematar coa arbitrariedade e a libre disposición. Co novo goberno provincial haberá equidade e libre concorrencia”, engadiu a presidenta.

16 de setembro de 2015 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.