publicidade hoxe

Cangas únese á manifestación en defensa da sanidade pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A posta en marcha do Hospital Álvaro Cunqueiro na Área Sanitaria de Vigo, de xeito apresurado, en pleno período preelectoral, está a deixar claras as graves eivas dun edificio no que se recortou orzamento ata límites intolerables, tal e como veñen denunciando profesionais e usuarios, e tamén está a manifestar con nitidez o concepto mercantilista da sanidade impulsado polo goberno do PP.

Ao aforro nos custes da construción co conseguinte deterioramento das prestacións, á estafa ás persoas enfermas e familiares cos cobros abusivos de aparcadoiro, auga, menús e a un longo etcétera de servizos necesarios, súmase tamén a falta de transporte público directo para a xente do Morrazo, á que parecen querer condenar a utilizar os servizos do Hospital privado de Povisa para sempre.

Porque a Sanidade non pode ser un negocio e ten que ser cen por cen pública e universal. E é por iso polo que dende a Alcaldía de Cangas animamos á nosa veciñanza a acudir á manifestación de mañá xoves día 3 de Setembro en Vigo para deixarmos patente a nosa desconformidade con esta estafa nun servizo básico necesario. Este alcalde, así como varios membros do equipo de goberno e da corporación estaremos presentes na manifestación que agardamos multitudinaria dada a importancia e gravidade do tema. 

As plataformas en Defensa da Sanidade Pública de Cangas e de Moaña poñen ao servizo da veciñanza catro autobuses cun custe de 3€.  Os autobuses sairán da Estación de Cangas ás 18:45 h e pararán na Praza de Abastos de Moaña ás 19h. Ao finalizar a marcha, tódolos participantes serán recollidos no Rectorado.

Os números para realizar as reservas son 655.08.22.49 e 607.68.12.79 en Cangas e 669.33.03.76 en O Hío.

2 de setembro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.